O Goberno pon en marcha a inhabilitación de Holaluz e o traspaso da súa clientela
A compañía ten un prazo de dez días hábiles a partir deste domingo para presentar alegacións
Persoal en folga nunha imaxe de arquivo. COMITÉ DE EMPRESA DE HOLALUZ
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico iniciou o procedemento administrativo para extinguir a habilitación de Holaluz como comercializadora de enerxía eléctrica, ao considerar que a compañía incumpriu as obrigas esixidas para o exercicio desta actividade.
De xeito paralelo, o ministerio iniciou tamén o procedemento para o traspaso da clientela da compañía a un comercializador de referencia, segundo recolle o Boletín oficial del Estado (BOE) deste sábado.
Fontes do departamento confirmaron a EFE a apertura do expediente. O director xeral de Política Exerxética e Minas adoptou a resolución o pasado 16 de xullo.
A partir deste domingo, ábrese un prazo de dez días hábiles para que a compañía presente as alegacións que considere oportunas. Polo de agora, o Goberno central non precisou os motivos concretos.
A CEO da empresa, Carlota Pi. EUROPA PRESS/David Zorrakino/Arquivo
Redución de perdas e ingresos
A comercializadora, que cotiza no BME Growth, reduciu no 2025 as súas perdas un 29,5%, ata os 22,2 millóns de euros, mentres que os seus ingresos descenderon un 41%, desde os 271 millóns de 2024 ata os 158,9 millóns de euros.
A compañía atribúe a evolución do exercicio á fase final do proceso de homologación xudicial do seu plan de reestruturación financeira e ao posterior desembolso do préstamo convertible, tras o entrada do fondo Icosium como máximo accionista, segundo os datos.
A empresa pechou 2025 con 167 traballadores, fronte aos 292 do exercicio anterior, o que supón unha redución de persoal do 42,8%, e cuns 221.000 contratos activos en España.
A compañía anunciou ademais o pasado abril o seu regreso ao negocio de comercialización de gas natural, do que saíu en setembro de 2022 como consecuencia da escalada de prezos provocada pola guerra en Ucraína.
Holaluz xustifica agora a recuperación deste servizo pola demanda da súa clientela de contar cunha oferta conxunta de electricidade e gas natural xestionada desde unha única plataforma.