Publicador de contidos
Publicador de contidos

A veda do Polbo en Galicia estenderase durante os meses de maio e xuño

A veda do Polbo en Galicia estenderase durante os meses de maio e xuño

Estará prohibida a captura desta especie por calquera arte en augas tanto interiores como exteriores

G24.gal 26/03/2024 16:09

A veda do polbo en Galicia terá lugar este ano durante os meses de maio e xuño, período no que estará prohibida a captura desta especie por calquera arte e en augas tanto interiores como exteriores.

Así se trasladou este martes ao sector na última reunión da comisión de seguimento do plan experimental para a xestión deste octópodo, a falta de que se aprobe e se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución para esta campaña 2024-2025.

Esta decisión supón que, durante os dous meses, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas da súa cala e levalas a porto.

O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

No plan consensuado co sector para a campaña que se abrirá a finais do mes de xuño non varían nin os quilos marcados como captura máxima nin as especies acompañantes que se poden capturar.

Tamén permanecerán igual os horarios.

En canto aos desembarques, estase a traballar en mellorar a adecuación das autorizacións en varios portos para que non haxa problemas no día a día.

No último encontro da comisión de seguimento tamén tomou en consideración estudar unha condición específica para a frota con porto base en Malpica, pois ten unhas circunstancias especiais derivadas da proximidade a uns dos límites zonais do plan, o que provoca rixideces na xestión da actividade e na práctica diaria da frota, motivo polo cal se revisará esta situación para dotala de maior flexibilidade.

No encontro traballouse tamén nun plan máis completo para a campaña 2025-2026 que poderá levar consigo catro meses de parada. Dous dos cales subvencionaranse como paro biolóxico.

Dada a previsión de incremento dos meses de inactividade, o obxectivo deste departamento da Consellería do Mar é empezar de inmediato na definición do plan para a campaña de 2025-2026 co fin de que se poida poñer en marcha e permita á frota ir adecuando a súa actividade anual á parada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade