A veciñanza de Riós está indignada pola vaga de multas de Tráfico que recibiron
Con sorpresa, malestar e moito descontento está a vivir a veciñanza do concello ourensán de Riós a vaga de multas por aparcar na vía principal que atravesa o centro urbano
Aseguran que pouca xente quedou sen multar, agora comezaron a chegar as sancións de 200 euros, e din que nun só día multaron unhas 20 persoas
A estrada principal que atravesa o núcleo urbano de Riós está agora completamente baleira de coches. A veciñanza di que está moi indignada e sorprendida pola cantidade de multas recibidas. E din que pouca xente quedou sen multar.
"O masacre total foi o día 9 de decembro, ás oito da mañá dúas patrullas da Garda Civil de Tráfico, era día de analítica e estaba aí a xente, e aí non quedou ninguén sen multar. A verdade é que isto é algo sen precedentes, que ninguén dá crédito ", asegura unha veciña, dona dun bar na localidade .
"Ninguén o criamos, pero efectivamente si que chegaron as multas. "Un pouco descolocados, porque toda a vida se aparcou aquí, é un municipio pequeno, temos catro negocios e non houbo ningún accidente ou algo, conta outra veciña que ten un estanco.
E esta situación aseguran que está afectando a todos os negocios da localidade. Piden unha solución."Volveron outro día, xa multaron varias veces, hai xente que ten varias sancións. Viñeron ao médico a primeira hora pasar o sintrón e multaron o ATS, que estaba descargando as cousas e a xente que ía facer o sintrón", explica Javier Diz, traballador do Concello de Riós. "A localidade parece un deserto. Non sei se isto é unha nova axuda ao rural"."Aquí hai xente maior que necesita ir os sitios, e isto estanos afectando a todos os negocios", din as veciñas.
Desde o Concello xa están buscando unha solución en colaboración coa Deputación de Ourense. "A idea é sinalizar, e reducir a velocidade a 30 quilómetros e cambiar a sinalización horizontal, para poder aparcar dun lado da estrada e poder así convivir co tráfico e a co uso normal dos servizos", explica Javier Diz, traballador do Concello de Riós.