A variante ómicron continúa a propagarse polo mundo malia as restricións
Países Baixos confirma 13 casos da nova cepa do virus
A nova variante do coronavirus, ómicron, esténdese por Europa malia a decisión tomada pola maioría dos gobernos de cortar o tráfico aéreo con Suráfrica e endurecer os controis aeroportuarios.
Tras o Reino Unido, Alemaña ou Italia, este domingo Países Baixos confirmou a presenza de polo menos 13 casos de viaxeiros procedentes de Suráfrica.
No aeroporto de Johannesburgo non había apenas tráfico este domingo. A maior parte das compañías aéreas baixaron a persiana e informan da cancelación de voos tras a decisión da Unión Europea de cortar o tráfico aéreo con Suráfrica como medida de prevención fronte á nova variante da covid-19 xurdida neste país.
A pesar das restricións e dos controis máis esixentes nas terminais, a variante ómicron segue propagándose, desde Australia ata o Reino Unido e Alemaña, pasando por Israel, a república checa, Dinamarca ou Italia.
Países Baixos confirmaron 13 positivos entre os 61 pasaxeiros de voos procedentes de Suráfrica pero non descarta que haxa máis. Os contaxiados están en corentena e as autoridades sanitarias investigan os seus contactos.
En España non se identificou ningún caso desta nova variante e o ministro francés de saúde cre que é cuestión de horas que apareza algún no país veciño.
Algúns científicos cren que a ómicron é moi contaxiosa pero outros din que aínda é cedo para afirmar que se trata dunha cepa máis virulenta, ou que poida ser capaz de esquivar o efecto das vacinas.
De momento, a médica surafricana que a identificou asegura que os síntomas son diferentes pero leves, dor muscular, fatiga e algo de tose.
No que todos coinciden é en que hai que acelerar o ritmo de vacinación, e sobre todo, en que non se pode blindar o primeiro mundo mentres os países menos desenvolvidos continúan sen ter vacinas suficientes.