Publicador de contidos

Publicador de contidos

A variante delta plus fai saltar as alarmas en varios países de Europa

A variante delta plus fai saltar as alarmas en varios países de Europa

A variante delta plus é entre un 10 e un 15 por cento máis contaxiosa ca a procedente da India

A inmunóloga da Universidade de Vigo, África González, cre que hai que seguir secuenciando para ver como se estende

G24.gal 30/10/2021 14:26

A variante delta plus da covid-19 está a estenderse xa por toda Europa  e a poñer en alerta varios países que viven unha nova explosión de casos. Trátase dunha expansión rápida do virus.

Austria rexistra o maior número de casos en case un ano, con 6.100 contaxios en 24 horas. A presión hospitalaria medra no país alpino, onde permanecen ingresadas 1.406 persoas, das que 273 están nas UCI. O Reino Unido segue cun aumento exponencial dos positivos e Rusia bate marcas con 40.251 casos.

Nos hospitais franceses deron a alerta ante a escaseza de persoal e buscan solucións ante o peche dunha de cada cinco camas dos hospitais públicos por esta situación.

Na Alemaña a incidencia semanal sobe a 145 casos, cunha vacinación estancada. O Goberno ofrécelle a terceira dose a toda a poboación para frear esta tendencia.

Os expertos piden manter as medidas de protección

Esta variante delta plus, que descende da variante delta procedente da India, está tendo unha incidencia baixa tanto en Galicia coma no resto de España pero vai subindo.

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, destaca a importancia de non baixar a garda: "Eu creo que temos que seguir, por unha parte, coas medidas, sobre todo en interiores, e seguir secuenciando de xeito masivo para ir vendo como se vai estendendo esta variante delta"

De momento non hai evidencias de que ocasione máis casos graves nin tampouco de que afecte á eficacia das vacinas. Si parece que é ao redor dun 10 ou 15 por cento máis contaxiosa que a variante delta, que no seu momento xa era un 50 por cento máis transmisible ca a variante orixinaria do coronavirus. 

"Esa é a tendencia que teñen normalmente os virus de transmisión respiratoria deste tipo, ir evolucionando cara a esa selección de ser moi contaxiosos pero non necesariamente máis letais". África González admite que se esta variante delta plus se estende en España quizais sexa necesario vacinar os menores de 12 anos para conseguir a inmunidade comunitaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos