A vaga de roubos en negocios de Vilagarcía suma novos casos
Os asaltantes actúan de noite rebentando as cristaleiras dos locais
A propietaria dunha cafetería logrou evitar o asalto
Unha perfumería, unha gasolineira, unha librería, unha tenda de roupa, a igrexa parroquial, e agora tamén a tenda de pensos de Javier. El é a última vítima da longa lista de roubos rexistrados nas últimas semanas en Vilagarcía.
"Romperon cunha pedra o escaparate entraron e desbarataron todo, levaron cartos da caixa pero ningunha mercadoría", explica Javier, propietario dun establecemento de pensos.
Na mesma madrugada do xoves, a propietaria desta cafetería logrou evitar o roubo. Escoitou as pedradas e, ao vela, o atacante fuxiu. Porén, na papelería de Mariví non se puido evitar o furto. Cando os veciños a alertaron do ruído, xa era demasiado tarde.
"Cando cheguei había catro policías e a porta estaba desfeita por unha pedrada", di Mariví, a dona dunha papelería.
Sempre actúan de noite, no centro da vila e co mesmo método, estragando as cristaleiras cun obxecto contundente. Despois remexen todo e levan os cartos que atopan. Non adoitan roubar grandes cantidades, pero si causan desacougo e molestias entre os comerciantes, que sospeitan dun grupo local de asaltantes.
"Creo que levaron a declarar dúas veces aos sospeitosos, pero vexo que entran por unha porta e saen pola outra", lamenta Javier Reiriz.
"Non é unha banda organizada, son pequenos furtos que molestan máis polos estragos que polo que levan", explica Rocío Louzán, a presidenta da asociación de comerciantes Zona Aberta.
A Policía Nacional está investigando os feitos. Mentres, comerciantes e hostaleiros pregúntanse quen será o seguinte en levar a pedrada no escaparate.