A vaga de calor achégase á súa fin con temperaturas por riba dos 40 graos
Centos de crías de birrios caen dos niños ao chan por mor da calor extrema
Tras unha semana de temperaturas extremas, a vaga de calor vai chegando á súa fin en España. Con todo, os termómetros marcaron este sábado 43 graos en San Sebastián e roldaron os 42 noutros puntos de Navarra, Aragón e Euskadi. En Madrid, Andalucía e Cataluña oscilaron entre os 37 e os 41.
Unha calor abafante, con temperaturas que superan en dez e quince graos o promedio para esta época do ano, é mala de levar ata para os paxaros. En Sevilla centos de crías de birrios caen dos niños ao chan estes días. Os veciños organizáronse para rescatar as aves e coidalas. Trátase dunha especie protexida que precisa dun hábitat moi especial para reproducirse.
A Aemet agarda que o mercurio baixe de forma acusada e xeneralizada en toda a península este domingo. A Organización Meteorolóxica Mundial alerta de que esta situación "é un anticipo do futuro", a consecuencia do cambio climático.