A vaga de calor deixa 360 falecidos en España, 123 deles este venres
Os maiores seguen a ser os máis vulnerables: 225 dos mortos tiñan máis de 85 anos
As comunidades máis castigadas son Madrid, Castela e León, Andalucía e Galicia
A cifra de mortos disparouse este venres, con 123 falecidos

O Instituto de Saúde Carlos III, dependente de Sanidade, eleva a 360 as mortes atribuíbles ás altas temperaturas rexistradas durante esta vaga de calor que afecta a España. Corresponden co período que vai do 10 de xullo, comezo da vaga, ata o venres 15.
O último dato que recolle a estatística de vixilancia da mortalidade diaria por causas atribuíbles ao exceso de temperatura é o referido ao 15 de xullo, e que sumou só nese día un total de 123 falecidos.
Desde o día 10, a tendencia foi ascendente con 15 mortos esa xornada e case o dobre (28) na seguinte.
Os días 12 e 13 os decesos por exceso de calor seguiron a medrar. de feito o martes 12 morreron por este motivo 41 persoas e 60 o mércores 13.
A repunta das mortes coincide, segunda sanidade co peor da vaga, os días 14 e 15 de xullo.
A última vítima mortal é un traballador da limpeza de 60 anos que sufriu un golpe de calor este venres no distrito de Puente de Vallecas en Madrid. Cando chegou o Samur para atendelo o traballador presentaba unha temperatura corporal de 41,6º. O home desplomouse na rúa e estaba inconsciente. Trasladárono ao Hospital Gregorio Marañón en estado grave, onde faleceu.
Os máis vulnerables pola situación son os maiores e a maior parte dos falecidos, (225), teñen máis de 85 anos. En Galicia houbo 42 mortes atribuíbles ás temperaturas extremas. A que rexistrou máis falecementos é Madrid con 89 decesos.
As temperaturas máis extremas que se rexistran en moitos puntos do país desde o domingo comezaron a remitir o venres, se ben todas as comunidades da península e Baleares permanecen en aviso ante os elevados rexistros que aínda se van rexistrar, de ata 44 graos nalgúns lugares.