Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vacina do herpes zóster reduce un 32 % a incidencia da demencia

A vacina do herpes zóster reduce un 32 % a incidencia da demencia

Zóster, o virus durmido

O herpes permanece latente durante toda a vida e reactívase cando baixan as defensas
 

Un zóster mal curado pode derivar nunha doenza chamada neuralxia posherpética
G24.gal 12/11/2025 09:27

Dende o ano 2023 está incorporada no Sergas a vacina do herpes zóster, unha doenza que pode chegar a padecer o 90 % da poboación, a que tivo durante a súa infancia o virus da varíola.

 "O virus non se elimina. Queda acantoado na medula espiñal e máis adiante na vida pódese manifestar, e maniféstase como herpes zóster", explica Antonio Antela, coordinador da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS.

Reactívase cando hai unha baixada de defensas. Viaxa polos nervios e chega á pel en forma de vesículas. Produce proído e moita dor, e pode aparecer en calquera parte, mesmo preto dos ollos, onde as consecuencias poden ser irreversibles. Malia que o frío pode debilitar o sistema inmunolóxico, non hai relación entre o inverno e o aumento do zóster.

 "Non hai ningún estudo que demostre que o aumento en inverno é maior", apunta o farmacéutico Vicenzo Fernández.

Pero si son moitas as causas que poden provocar baixada de defensas. 

"Ou ben por unha enfermidade, ou ben por un tratamento, ou ben por simplemente a idade", continúa o médico.

A incidencia do zóster é maior pola prevalencia de enfermidades coma o cancro, que debilita o sistema inmunolóxico, e sobre todo porque vivimos máis anos. Por iso a vacina está especialmente indicada para os maiores de 65 anos. Un estudo, recente, comparou durante 5 anos as persoas que estaban vacinadas fronte ás que non para observar o desenvolvemento da demencia, e os resultados foron impresionantes.

"Obxectívase que hai un 32 % de redución de aparición de demencia entre as persoas que se vacinaron fronte ao herpes zóster", avanza Antonio Antela.

A eficacia destas vacinas está ao redor do 98 % e poden evitar consecuencias neurálxicas posteriores de non tratarse ben a enfermidade.

 "Porque ter un herpes zóster non é só ter unha lesión cutánea, é que ás veces queda esa dor para sempre. Iso chámase neuralxia posherpética e esa dor ás veces é difícil de tratar e afecta moito a calidade de vida", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade