A vacina da gripe de alta carga adiantarase aos maiores de 70 anos na vindeira campaña
Estábase a administrar aos maiores de 80 anos
Segundo o ensaio clínico Galflu da Consellería de Sanidade, a vacina da gripe con doses reforzadas reduce as hospitalizacións por pneumonía e afeccións cardiorrespiratorias
O ensaio clínico Galflu foi promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, da Consellería de Sanidade e o grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. É un proxecto pioneiro de Galicia sobre a vacina de alta carga fronte á gripe, que demostrou a súa eficacia tras dous anos de investigación.
O estudo clínico realizouse con preto de 135.000 participantes de entre os 65 e os 79 anos de idade.
"Foi o maior estudo levado a cabo ata agora en España. Concluíuse que esta vacina de alta carga reduce as hospitalizacións por gripe nun 31,8%, redúcense os ingresos por gripe ou por pneumonía nun (23,7%) coa vacina antigripal reforzada e nun 8,4% as hospitalizacións por eventos cardiorrespiratorios", destaca Susana Mirás Carballal, xefa de servizo de prevención e control de enfermidades da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
A vacina antigripal de alta carga xa se administraba a maiores de 80 anos e residentes en centros sociosanitarios. Tras os resultados do ensaio clínico, Galicia vai ampliar a aplicación da vacina antigripal con doses reforzadas xa desde os 70 anos de idade na vindeira campaña de inmunización.
"Séguese empregando en residencias de maiores e ademais vaise empregar en todas aquelas persoas en situación de inmunosupresión que teñan 60 ou máis anos", engade.
A evidencia científica conseguida polo ensaio clínico Galflu foi publicada nunha das revistas especializadas máis destacadas a nivel internacional, na New England Journal of Medicine.
Outra das medidas derivadas deste ensaio clínico é que se vai cambiar o modelo de xestión na compra de vacinas.
"A nivel de xestión estableceuse o que se chaman a compra por risco compartido, que é mercar unha vacina en función dos beneficios en saúde", di Susana Mirás.
As autoridades sanitarias lembran que é fundamental a protección fronte á gripe nas persoas maiores e máis vulnerables ante a vindeira campaña de vacinación.
