A universidade galega estrea curso cun novo grao en Intelixencia Artifical
As tres universidades dispensarán a nova titulación, que terá diferentes especializacións en función do campus
O reitor da USC Antonio López explicaba na RG que a titulación en Intelixencia Artifical é un dos novos graos que ofrece a Universidade de Santiago este curso, que suma tamén a nova titulación en Xestión Hostaleira, impartida na Escola de Hostalería de Galicia como centro adscrito.
López confirmou que, un ano máis, as carreiras máis demandadas na USC son as relacionadas coas Ciencias da Saúde, especialmente Medicina. Sobre a necesidade de aumentar as prazas nesta titulación para facer fronte ás necesidades do sistema de saúde, o reitor pide unha reflexión pausada que inclúa todas as variables.
"Hai que pensar que os alumnos de hoxe van ser profesionais dentro de dez anos... Outra peza moi importante é como se fan esas probas MIR, aí temos outra pedra de toque que hai que analizar e xogar cos números: saber que previsións de necesidades imos ter tanto no sistema público como sanitario e facer unha programación anticipada".
López amosouse satisfeito co nivel de empregabilidade que teñen os titulados na USC. O reitor celebra que se teña posto en valor a Formación Profesional, pero cre que "de xeito máis inmediato pode ter máis empregabilidade a FP, pero a formación universitaria garante mellor promoción profesional e acadar mellores retribucións a medio e longo prazo".
Inicio de curso tamén na primeira universidade privada de Galicia, que se pon en marcha este ano. A Universidade Intercontinental da Empresa ten campus en Vigo e A Coruña e o seu reitor é Miguel Ángel Escotec, presidente de Afundación.
Biotecnoloxía é un dos graos máis demandados na facultade de Bioloxía e coa nota de corte máis alta
"Ao final é unha nova etapa na nosa vida, tiven a posibilidade de entrar na carreira que quería e a idea de estudar biotecnoloxía é algo que sempre me apaixonou", conta David Álvarez, estudante de primeiro de Biotecnoloxía.
David é un afortunado. Non todos puideron hoxe comezar a carreira que querían.
"Pois si, o certo é que considero que teño sorte porque aínda cun 12,6, eu entrei na segunda convocatoria para este grao e de feito entrei entre os dez últimos", continúa David.
Biotecnoloxía é un dos graos máis demandados na facultade de Bioloxía e coa nota de corte máis alta.
"Quedou moita xente fóra porque o número de prazas é baixo, son 50 prazas só de novo ingreso. Hai moita xente que fai a prescrición que chegaron a 600 persoas, 700 e queda moita xente fóra", apunta Jesús López, decano da facultade de Bioloxía.
Hoxe houbo que loitar contra os nervios do primeiro día.
"O venres e o sábado estaba un pouco nervioso pero decidín tomalo con máis calma, cun pouco máis de serenidade e hoxe conseguín durmir bastante e atópome ben, a verdade", explica David.
E malia que foi o primeiro día, os profesores chegaron con forzas renovadas e algúns xa impartiron materia
"Si, hoxe empezamos con todas as clases presenciais e por suposto os docentes farán a presentación da materia, basicamente nesta primeira clase pero si xa se empeza tamén a impartir a materia de cada disciplina", conta o decano.
As clases presenciais xa dende o arranque era o que se desexaba para este novo curso.
"O que é necesario agora é recuperar esa vida universitaria que había antes e que quedou truncada coa pandemia" desexa Jesús López, decano da facultade de Bioloxía.