A Universidade da Coruña ofrece catro novos másteres para o vindeiro curso
Xestión Sostible da Auga, Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica, Patrimonio Cultural Dixital e Fabricación Aditiva

A Universidade da Coruña impartirá a partir de setembro catro novas titulacións de máster: son os de Xestión Sostible da auga, Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica, Patrimonio Cultural Dixital e Fabricación Aditiva.
Desta forma, a UDC contará no curso 2023-2024 cun total de 71 másteres repartidos entre os dous campus universitarios, o que fai que se superen as 1.600 prazas nestas titulacións.
O máster de Xestión Sostible da Auga, que se impartirá na Escola de Camiños, con 10 prazas, está dirixido principalmente a profesionais do campo da xestión da auga e titulados en enxeñería e ciencias, mentres que Fabricación Aditiva, con 10 prazas e impartido en Ferrol, contará con alumnos graduados no campo industrial.
A Facultade de Informática acollerá os másteres de Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica (8 prazas) e Patrimonio Cultural Dixital (12 prazas), e este último dará prioridade aos graduados en Artes e Humanidades, Ciencias Experimentais, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñería e Arquitectura.
A UDC fará un segundo chamamento para inscricións entre o 28 e o 31 de xullo se quedan vacantes tras a publicación das listas, o 21 de xullo.