A UE pechará este sábado con Mercosur o acordo que creará a maior zona de libre comercio do mundo
A sinatura chega tras máis de 25 anos de negociacións e forte oposición do sector agrario europeo
A presidenta da Comisión Europea cos presidentes asinantes do acordo. UE/Mer- Santiago Mazzarovich
A Unión Europea asinara este sábado en Paraguai o acordo con Mercosur que dará lugar á maior zona de libre comercio do mundo.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, formalizará o pacto en Asunción tras máis de 25 anos de negociacións e desacordos, sobre todo co sector agrario comunitario.
A sinatura terá lugar no Gran Teatro José Asunción Flores do Banco Central do Paraguai ás 13.00 hora local.
No acto participarán tamén o presidente do Consello Europeo, António Costa, e o presidente paraguaio, Santiago Peña, como anfitrión.
Está prevista a asistencia dos mandatarios de Arxentina, Uruguai, Panamá e Bolivia.
O presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, non acudirá á sinatura, aínda que recibirá a Von der Leyen o venres no Río de Janeiro.
Europa conta aumentar as exportacións en 50.000 millóns ata 2040
Segundo as estimacións da Comisión Europea, as exportacións da UE a Mercosur aumentarán en case 50.000 millóns de euros ata 2040.
As exportacións do bloque suramericano á UE crecerían en arredor de 9.000 millóns de euros.
O acordo afectará a máis de 700 millóns de persoas das dúas rexións.
O Consello da UE autorizou o pasado 9 de xaneiro a sinatura do acordo mediante dúas decisións formais.
Unha maioría cualificada dos Estados membros apoiou o paso adiante. Francia, Polonia, Austria, Hungría e Irlanda votaron en contra. Bélxica abstívose.
España e Alemaña figuraron entre os principais defensores do pacto.
Italia decidiu finalmente apoiar o acordo tras recibir garantías adicionais para a protección do seu sector agrario.
O sector agrario europeo oponse ao acordo
O sector agrario europeo, especialmente en Francia, mantén unha oposición firme ao acordo.
Os produtores consideran que non poderán competir cos produtos de Mercosur polas súas condicións de entrada no mercado comunitario.
Para mitigar ese impacto, a UE pactou cláusulas de salvagarda que permitirán abrir investigacións se as importacións de produtos sensibles aumentan máis dun 5 % ou se os seus prezos son polo menos un 5 % inferiores aos europeos.
Se se confirma un prexuízo para os produtores comunitarios, a Comisión poderá suspender de forma temporal as vantaxes comerciais.
O seguinte trámite será o pronunciamento do Parlamento Europeo.
A Eurocámara só poderá aprobar ou rexeitar o texto na súa totalidade, sen posibilidade de introducir modificacións.