A UE e os EUA esíxenlle a Rusia que respecte a soberanía de Ucraína
Os ministros de Exteriores da UE piden firmeza con Rusia, pero sempre abertos á diplomacia
En Bruxelas, a diplomacia europea reúnese co secretario de Estado norteamericano para avaliar a ameaza real de invasión rusa en Ucraína. A Unión Europea non vai evacuar o seu persoal da embaixada en Kiev, pero si Reino Unido e os Estados Unidos, que baralla enviar 5.000 soldados á zona.
Firmeza con Rusia, pero porta aberta á diplomacia, logo da reunión dos ministros europeos de Exteriores. A UE non enviará tropas a Ucraína. A mobilización militar faise cos operativos conxuntos da OTAN en países como Bulgaria ou as repúblicas bálticas.
O que si anunciou Bruxelas son 1.200 millóns de euros adicionais en axuda económica a Kiev, para evitar o colapso do país ante a presión rusa.
A reunión co secretario de Estado norteamericano serviu para lanzar unha nova esixencia a Moscova sobre o respecto da soberanía e integridade territorial de Ucraína. E para pactar sancións con consecuencias masivas e severos custos económicos. Pero Bruxelas e Washington prefiren gardalas no peto como disuasión ata ver se Rusia finalmente se atreve cunha ofensiva militar.