A TVG ofrece a próxima semana tres partidos da Copa do Rei
Serán a Unión Popular de Langreo-Racing de Ferrol, o derbi entre a Unión Deportiva Ourense e o Pontevedra e o xoves o Sámano-Deportivo da Coruña
A Televisión de Galicia ofrece esta semana unha completa oferta de retransmisións deportivas, coa Copa do Rei de fútbol como principal protagonista.
O martes, a segunda canle da TVG emite a partir das sete e media da tarde o partido da primeira eliminatoria desde o estadio Ganzábal entre a Unión Popular de Langreo e o Racing de Ferrol. O mércores, tamén a través da G2, o estadio do Couto albergará ás oito e media o derbi galego entre a Unión Deportiva Ourense e o Pontevedra. Xa o xoves, ás nove da noite, a primeira canle da Televisión de Galicia contará o Sámano-Deportivo da Coruña.
O baloncesto tamén estará presente durante esta semana, coa disputa da cuarta xornada da Eurocup feminina. A partir das oito e cuarto da tarde, a plataforma Agalega.gal ofrecerá desde A Malata o enfrontamento entre o Baxi Ferrol e o Benfica de Portugal.