A selección feminina, clasificada para os cuartos da Eurocopa
España cumpriu co seu obxectivo e vai estar nos cuartos de final
O cero a cero mantívose ata case o final, con ocasións claras das danesas
O gol do triunfo chegou no 90, obra de Marta Cardona

A princesa Leonor e a infanta Sofía presenciaron dende o palco a clasificación de España para os cuartos de final da Eurocopa. A selección de Jorge Vilda acadou o obxectivo pero non mellorou sensacións, non sei viu ese equipo dominador e recoñecible.
Dinamarca saíu con defensa de cinco, cedeu a iniciativa coa intención de enganchar algunha contra letal, toparon con Sandra Paños. As mellores ocasións españolas foron para Athenea. A exdeportivista foi titular e estivo moi activa tanto en ataque como en defensa.
Pero a Vilda non lle gustou o que viu nese primeiro tempo e meteu tres trocos no descanso. España fíxose co dominio do xogo pero sen crear ocasións claras e sufrindo nos contraataques daneses. Sandra Paños, algo insegura nos primeiros partidos, meteu unha man salvadora ao disparo de Nadim.
"O mesmo que o outro día fallou, hoxe salvounos, é unha gran porteira e temos total confianza nela", explicou Joge Vilda.
Como confianza tiña a selección en acabar gañando, malia que lles servía o empate. Non deixaron de intentalo ata o final e no 90, unha cacholada de Marta Cardona rematou co sufrimento.
"Houbo momentos nos que sufrimos pero a miña mente diciame que todo ía saír ben e íamos atopar a recompensa", sinalou Aitana Bonmatí.
A recompensa, o pase aos cuartos de final da Euro xa está no peto. Agora queda aumentar o botín o mércores diante das anfitrioas, Inglaterra.