A selección española xogará a final do Eurobásket feminino
Derrotou a Francia nunha semifinal moi apertada que se decidiu no último segundo (65-64)
A selección feminina de baloncesto, co vigués Miguel Méndez á fronte, xogará a final do Eurobásket despois de derrotar a Francia nun partido que se decidiu nos últimos segundos (65-64). Gran éxito para un equipo que conta con tres galegas; Raquel Carrera, Paula Ginzo e María Araújo.
A selección francesa partía como favorita e tivo ese papel durante os tres primeiros cuartos. Ao descanso gañaban por 31-38 facendo unha defensa moi forte que impedía a anotación cómoda de España. No terceiro cuarto o encontro ía encamiñado polo cadro francés ata o 36-44. Pero nos últimos minutos dese período comezou a reacción española cunha Awa Fam maxistral (21 puntos, 31 de valoración). Cun parcial de 16-3 dábanlle a volta ao resultado (49-46).
O último cuarto foi de dominio español. As de Miguel Méndez consolidaron unha renda de cinco puntos que manexaron ata os últimos minutos. Un parcial de 0-6 volveu darlle o mando a Francia (61-62) pero España aguantou cunha canastra de Mariona Ortiz e dous tiros libres de Alba Torrens (65-62). Desde o tiro libre recurtou diferenzas Francia nos últimos segundos pero fallou dous lanzamentos que podían ter levado o partido á prórroga, o último con 8 décimas por xogar.