Publicador de contidos

Publicador de contidos

A segunda vida dun filme perdido

A segunda vida dun filme perdido

Pepe Coira reconstrue Canto de emigración, un filme de 1935 de Antonio Román

A neta do autor da banda sonora recupera a partitura e interprétaa na estrea

Antón Montero 27/09/2022 21:21

Canto de emigración é unha película que non existe. Rodouna en 1935 o director ourensán Antonio Román. Cunha daquela innovadora linguaxe vangardista, contaba o periplo dun labrego que facía as Américas e regresaba á aldea pobre e enfermo.

A película perdeuse, pero algúns materiais sobreviviron na casa de Celso Madriñán, o seu protagonista. Con eles, Pepe Coira acaba de darlle unha segunda vida.

O director explica: "A mellor maneira que atopamos de definilo é como unha evocación da película (...) A partir dunha serie de fotografías que quedan da película, a partir dunha descrición moi detallada que o director fixera sobre como era a película que el concibira inspirada nun debuxo de Castelao sobre o drama da emigración galega e, sobre todo, quizais o máis importante: apareceu a música".

A viúva do compositor Teódulo Páramos gardara a partitura durante 90 anos. Un bo día atopouna a súa neta violinista.

Ana Vaqueiro conta: "Sempre tiven moitas ganas de recuperar esta música do meu avó, ensináralla a Manolo hai moitos anos, dicíame que tiña que investigar se quedaban fotogramas da película, que tiñamos que facer algo con isto. Foi pasando o tempo e agora por fin é o momento".

Pepe Coira explica: "Era unha película de vangarda, de 20 minutos, na que a música estaba especificamente composta e moi detalladamente sincronizada coa imaxe".

Canto de emigración permite asistir a estampas rurais en varias parroquias de Coles e coñecer veciños do concello ourensán que pouco esperaban que o seu debut diante das cámaras tivese unha reestrea 90 anos máis tarde.

Como nos vellos tempos do cine mudo, a Orquestra Clásica de Vigo, e nela a neta do compositor, acompañou en directo esta segunda vida do filme.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar