Starmer négase a dimitir a pesar das presións que recibe do seu partido
Segundo o xefe do Executivo británico, o partido ten capacidade para forzar unhas eleccións primarias
A secretaria de Estado de Vivenda británica renuncia e pídelle a Starmer que dimita
Portadas da prensa británica en que se reflicte a crise de Goberno (Reuters)
O primeiro ministro británico, Keir Starmer, dixo ao seu gabinete, nunha sesión que tivo lugar na mañá deste martes, que non ten intención de dimitir ante as crecentes presións dentro do Partido Laborista para que o faga de inmediato ou, polo menos, presente un calendario para deixar o poder.
Segundo as súas palabras feitas públicas pola súa oficina, o partido "dispón dun mecanismo para contestar (a autoridade) dun líder, e non se puxo en marcha", en referencia aos 81 deputados necesarios para forzar unhas eleccións primarias dentro do partido e buscar un substituto para Starmer.
O primeiro ministro aludiu ás consecuencias económicas que pode traer ao país a inestabilidade que provocaría a súa substitución: "As últimas 48 horas foron desestabilizadoras para o Goberno, e isto ten un custo económico claro para o país e as familias".
Con iso refírese aos catastróficos resultados acadados polo Partido Laborista nas eleccións do pasado xoves, municipais en Inglaterra e rexionais en Escocia e Gales, en que o partido sufriu unha sonora derrota a mans do populista Reform UK e dos nacionalistas deses dous territorios históricos.
Eses resultados traducíronse este luns nunha presión crecente dentro do Partido Laborista para que Starmer deixe o cargo: 78 deputados pediron a súa dimisión, e a eles únense a ministra do Interior, Shabana Mahmood, e a de Exteriores, Yvette Cooper, que pediron ao primeiro ministro que estableza un calendario claro para deixar o seu cargo.
Ademais, minutos antes da reunión do gabinete, unha membro do Goberno, a secretaria de Estado de Vivenda, Comunidades e Goberno Local, Miatta Fahnbulleh, presentou a súa dimisión e apremou a Starmer a que "faga o correcto" e tamén que el poña o seu cargo ao dispor do partido.
Polo momento, Starmer aguanta a presión, cando só queda un día para que presente o seu programa de Goberno no novo período de sesións parlamentario no chamado "discurso do rei", un discurso pronunciado polo monarca pero que recolle os plans do gabinete para os próximos meses.
"O país espera que sigamos gobernando. É o que estou a facer e o que debemos facer como Goberno", dixo Starmer aos membros do seu gabinete.
Os ministros leais defenden o liderado de Starmer
Ao saír un por un desde a residencia do primeiro ministro en Dowing Street, e asediados polos xornalistas, os ministros presuntamente máis críticos negáronse a facer declaracións, contrariamente aos máis leais, que subliñaron a súa fidelidade a Starmer.
Contradicindo a quen adiviñaba unha tormentosa sesión, a baroa Jenny Chapmann, secretaria de Estado de Cooperación, dicía cándidamente ante os micrófonos que "non detectara nesa reunión ese ánimo" hostil ao primeiro ministro. Igualmente expresábase o ministro de Traballo e Pensións, Pat McFadden, quen dixo que ninguén contestara abertamente o liderado de Starmer.
"Este Goberno fará aquilo para o que foi elixido, servir ao pobo británico, e o primeiro ministro ten o meu apoio total (...) O que a xente espera é que nos concentremos en facer crecer a economía, encarar o custo de vida e ofrecer unha vida mellor" aos británicos, asegurou a ministra de Tecnoloxía, Liz Kendall.
Con todo, os sinais que chegan sobre a economía británica non eran halagüeñas: o custo do endebedamento a longo prazo do Reino Unido alcanzou este martes o seu nivel máis alto desde 1998 por mor da actual crise do Gobierno.
A rendibilidade dos bonos do Estado a 30 anos alcanzou o 5,8% esta mañá, tras subir ata 0,13 puntos porcentuais, polo que é superior ao da semana pasada, pouco antes de que os británicos fosen ás urnas para votar nesas eleccións que resultaron catastróficas para o laborismo.
A líbra esterlina caeu este martes un 0,7% fronte ao dólar, ata os 1,352 dólares, e un 0,3% fronte ao euro, ata os 1,175 euros.