A seca preocupa o sector agrogandeiro da Limia
A Xunta anuncia avances no Plan de mellora do regadío coa construción de 42 pozos
Preocupación pola seca na comarca ourensá da Limia. Os produtores de pataca temen non poder regar debido á escaseza de auga.
Neste contexto están máis pendentes ca nunca dos avances no Plan de mellora do regadío polo que levan agardando anos e que permitirá estender o sistema de rega a 4.000 hectáreas. A Xunta anunciou hoxe o inicio da construción de 42 pozos.
No que levamos de ano na Limia choveu un 70 por cento menos do habitual. A colleita podería reducirse á metade con importantes perdas económicas, por iso están máis pendentes ca nunca do ceo e tamén dos avances no plan de modernización do regadío no que Xunta e Estado investirán 20 millóns de euros.
Medio Rural encárgase da construción de 42 pozos. Unha infraestrutura pola que levan décadas agardando e que permitirá facerlle fronte no futuro a situacións coma a que están a vivir.
A Xunta porá en marcha, antes do verán, unha oficina de atención aos regantes e presentará o Plan estratéxico para A Limia, co que busca garantir unha actividade agrogandeira sostible na zona.