A sardiña mantén estable o prezo a unha semana do San Xoán
Agárdase que nos próximos días duplique ou mesmo triplique o custo pola alta demanda
"Non sobe ata o mesmo día ou o día anterior si que pode subir bastante, pero de momento está igual a 8 euros", comenta unha peixeira.
A unha semana do San Xoán os prezos están estables. Sábese que a demanda vai ser moi alta e o prezo previsiblemente tamén, o único que pode evitar que se dispare é que haxa moita sardiña nas lonxas.
"Aquí o prezo é segundo a cantidade que haxa, se hai moita cantidade baixa, se hai pouca vai caro". "É impredicible porque iso como é unha poxa", falan outras.
Hoxe en Vilagarcía estaban ao redor dos 6 e 8 euros, o mesmo que tiña cando comezou a campaña.
"Eu a da motora vendina a 6 euros e a do xeito vendina a 7 euros, xeralmente hai moita máis diferenza entre o xeito e a motora, hoxe non, hoxe a da motora veu un pouquiño máis cara que de costume, supoño que será que se vén achegando tamén San Xoán e aféctalle", explica unha peixeira.
Para a noite de San Xoán os prezos duplícanse ou mesmo triplícanse. "Igual 15, 18, 20 non sei, de 8 que está hoxe. O dobre seguro".
Cada vez hai máis xente que opta por conxelalas. "Ese día é carísima entón hai xente que si que a leva antes e conxélaa. Non queda igual" opina unha peixeira.
"Non me gusta conxelala", apunta unha clienta. "Se non son moitos días tampouco lle afecta tanto. Ti se as preparas ben aguantan, home non é o mesmo que como a do día, iso sempre", informa outra peixeira.