A sabotaxe no sistema público de rega de Lalín deixa un importante desperdicio de auga
Alguén lanzou unha pedra contra a arqueta do mecanismo que programa a activación dos aspersores
A pegada da falcatruada que ocasionou un malgasto considerable de auga en época tan seca aínda se pode ver. Na tardiña do luns a imaxe da rega nun parque público de Lalín circulou por internet como feito incoherente coas restricións no consumo e mensaxes municipais que instan ao aforro de auga en previsión de que a seca se alongue.
Traballadores da empresa que xestiona o servizo descubriron nada máis chegar ao lugar da incidencia que o sistema de rego deste espazo tras o auditorio fora obxecto de sabotaxe.
Alguén lanzou a pedra que esta mañá aínda permanecía alí contra a arqueta da instalación do mecanismo que programa a activación dos aspersores.
Como consecuencia púxose en marcha o rego e, aínda que ao parque non lle foi nada mal a molladura, desperdiciáronse litros e litros de auga. Entre as medidas ante a seca que aplica o Goberno municipal de Lalín está a de non permitir o rego de rotondas ou doutros xardíns públicos nin hortas privadas con auga da traída colectiva.