Publicador de contidos

Publicador de contidos

A ruta africana da droga xa non é tan segura para os narcos galegos

A ruta africana da droga xa non é tan segura para os narcos galegos

Dos 16 detidos na operación Sugar Brown, seis ingresaron en prisión e dez quedaron en liberdade. Todos eles están investigados por un delito contra a saúde pública.

Os investigadores dan por desartellada a organización que finxía campañas de pesca na costa africana para camuflar os envíos de droga a Galicia

G24.gal 23/12/2022 12:23

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo decretou a posta en liberdade de 10 dos 13 detidos que pasaron este xoves a disposición xudicial

Tal e como informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, dos outros tres. Estes súmanse aos outros tres detidos no barco interceptado en augas canarias e para os que a mesma xuíza tamén decretou o seu ingreso en prisión. Todos están investigados por un delito contra a saúde pública.

Todo iso despois de que a Benemérita interceptase este martes pasado, 20 de decembro, un barco pesqueiro con 3.300 quilogramos de cocaína no seu interior en augas do océano Atlántico, con destino a un punto sen determinar das costas de Galicia.

A rede desmantelada simulaba campañas pesqueiras en augas africanas para ocultar a súa actividade. Así o cre a Garda Civil que, a través da operación Sugar Brown, dá por desartellada completamente a que os investigadores consideran como unha das maiores organizacións galegas dedicadas ao tráfico de cocaína e heroína.

Amais deses 3.300 quilos de cocaína comisados a bordo do barco Simione, de bandeira senegalesa, a operación deixou 16 detidos, seis dos cales ingresaron en prisión, e unha ducia de rexistros en varias vilas galegas.

Os investigadores cren que entre os 13 arrestados en Galicia están os xefes da organización.

A investigación sobre esta organización comezou a principios de 2022 e permitiu confirmar que a coñecida como o "ruta africana" da cocaína pasou a ser un dos itinerarios máis utilizados polas grandes organizacións de narcotraficantes. A rede consideraba esta vía como unha das máis "seguras" e con maior garantía de éxito.

Estes narcotraficantes, a través dunha compañía pesqueira que o líder da organización tiña en África, utilizaban barcos para simular campañas lícitas de pesca nas costas africanas.

Así foi no caso do pesqueiro Simione, interceptado o pasado domingo, que segundo confirman a Efe fontes da investigación saíu ao encontro doutro barco, procedente de América do Sur cos 3.300 quilos de cocaína, e realizaron o transbordo en alta mar.

Xa coa droga no interior das súas adegas, o barco emprendeu rumbo a Galicia pero, xa nese momento, estaba a ser vixiado por un avión da Garda Civil, e pouco despois foi abordado por axentes da Unidade Especial de Intervención (UEI) do instituto armado.

A organización, mentres tanto, estaba a arranxar un barco no porto de Marín. Este tería como función saír ao paso do Simione en augas de Portugal e facer un segundo transvasamento da cocaína, xa o último ata a chegada ás costas galegas.

Durante a investigación a Garda Civil seguiu de preto o desprazamento dalgúns membros da organización investigada ao Senegal para organizar e coordinar persoalmente este cargamento.

Alí encargáronse tanto do frete do barco como da contratación da tripulación, tendo previsto da mesma maneira que embarcacións sairían ao encontro deste barco.

A operación, tras a abordaxe do barco e o seu traslado ao porto de Santa Cruz de Tenerife, onde se contabilizou a droga que ía no seu interior, precipitouse en terra.

O pasado martes foron detidas as trece persoas que esperaban a cocaína en Galicia e realizáronse catorce rexistros, en diferentes localidades da Coruña, Ourense e Pontevedra, aínda que o núcleo dos arrestos realizáronse en Vigo.

Neste macrooperativo policial participaron diferentes unidades da Garda Civil en Galicia, o Equipo Contra o Crime Organizado (ECO Galicia) da UCO xunto ao Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da UOPJ de Pontevedra, coa participación de distintas Unidades da mesma Comandancia, e de Canarias. Ademais contou coa colaboración internacional da DEA estadounidense, a NCA británica, o MAOC -centro de análise e operación marítimas en materia de narcotráfico- ou as autoridades senegalesas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade