A riada entre o Nepal e o Tíbet deixa xa 180 falecidos e case 1.400 desaparecidos, catro españois
O Nepal cifra en 826 o número de persoas desaparecidas, mentres que no Tibet serían 558
Ao Ministerio de Exteriores non lle consta polo momento que haxa falecidos españois
As autoridades de Nepal elevaron este xoves a 826 o número de persoas desaparecidas tras a riada na fronteira co Tíbet, pola forte crecida do río Bhote Koshi. A esta cifra hai que engadir os 558 reportados no lado tibetano polas autoridades chinesas o que sitúa o total de desaparecidos en preto de 1.400.
A espera de datos consolidados polas autoridades dos dous países, os falecidos ata o momento son 180. 177 cadáveres xa foron recuperados no Nepal.
Entre os desaparecidos no Nepal hai 466 estranxeiros, segundo a Autoridade Nacional para a Redución e Xestión do Risco de Desastres (NDRRMA), dependente do Ministerio do Interior nepalí.
Os datos son ata o momento moi provisionais e mentres que, a vista das imaxes dos estragos causados, algunhas fontes apuntan a que as vítimas seran varios milleiros, outras sinalan o posible solapamento das cifras dadas polas autoridades nepalesas e chinesas atendendo a posibles cruzamentos da fronteira.
Exteriores informa de que hai catro españois sen localizar
O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, informou este xoves de que polo menos hai catro españois sen localizar. Albares subliñou tamén que non constan que haxa falecidos españois, pero pediu a familiares e amigos de cidadáns que saiban ou que estivesen na zona sinistrada para que entren en contacto cos teléfonos de emerxencia do Ministerio de Asuntos Exteriores, tanto coa Unidade de Emerxencia Consular ou os servizos centrais en Madrid.
O ministro lembrou que o Consulado Honorario de España en Nepal, a Embaixada española en Nova Deli e o consulado xeral en Pequín "están plenamente mobilizados para atender os españois", á vez que subliñou que os teléfonos consulares están dispoñibles nas súas redes sociais ou nas do Ministerio.
Finalmente, Albares trasladou as súas condolencias e enviou a súa solidariedade ao Goberno e pobo nepalí.