Publicador de contidos

Publicador de contidos

A revolución do pagamento: o recoñecemento facial ou que o autobús che cobre automaticamente

A revolución do pagamento: o recoñecemento facial ou que o autobús che cobre automaticamente

Os novos métodos de pago debátense nun foro de emprendemento en Vigo

Xa hai entidades que ensaian sistemas de cobro usando datos biométricos

As empresas apostan polos chamados pagos invisibles

 

G24.gal 08/05/2025 14:25

Pagar no supermercado cunha cámara que recoñeza a nosa cara? Ou que o autobús che cobre automaticamente porque sabe cando subimos e cando baixamos? Son solucións de futuro que xa se están probando, tamén aquí en Galicia, e os profesionais din que van revolucionar a nosa vida cotiá.

Unha das tecnoloxías que xera máis expectativas é o recoñecemento facial. Xa se emprega como xeito de identificación para diferentes aplicacións e empeza a usarse no sector financeiro. 

"Probablemente chegue un momento no que ti baixes a unha tenda e escaneando a túa retina ou coa túa pegada dactilar sexas quen de facer un pagamento", augura David Conde, o director da empresa pontevedresa Coinscrap Finance.

En Galicia, Abanca xa fixo na Coruña unha proba dun posible sistema de pagamento por recoñecemento facial. É un dos métodos dos chamados “pagos invisibles”: que paguemos, consumamos, nos cobren, sen necesidade de executar a acción de pagar.

"Pensemos por exemplo nun autobús", propón o director de Innovación e Medios de Pago de Abanca, Eduardo Aldao, "e que simplemente polo feito de entrar xa estás pagando. Non só iso, senón que en función do camiño que percorres, vas pagar dunha forma ou de outra".

Seguiremos usando efectivo? Os profesionais din que a tendencia é que cada vez se utilice menos. 

"Eventos como a pandemia impulsaron moitísimo a dixitalización do diñeiro", subliña Mattia Gamberini, o responsable de España, Portugal e Italia da plataforma de pagamentos Stripe.

"Supoño que a opción de ter unha tarxeta seguirá existindo durante moito tempo pero aos poucos será máis cómodo levar sistemas de pagamento intelixente que estean en teléfonos, pulseiras, aneis ou calquera outro dispositivo", pensa Eduardo Martínez, o co-fundador de Toqio.

O que parece seguro é que o diñeiro camiña cara á dixitalización. Pronto poderíamos ter, por exemplo, euros dixitais, criptomoedas perfectamente legais amparadas polas autoridades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade