A Rebel Wine Fest reúne na Coruña os viños naturais de 22 adegas
Os viños naturais representan o 3% das vendas, pero é un sector á alza no mercado
Unha feira de viños naturais, ecolóxicos e biodinámicos, a primeira no noroeste, ocupou esta fin de semana o mercado de Santo Agostiño da Coruña. A Rebel Wine Fest ofreceu a posibilidade de catar máis de cen viños e de maridalos con gastronomía, charlas, talleres e música.
Participaron vinte e dúas adegas da península e unha francesa, todas agrupadas baixo o paraugas da produción natural. Son viños sen aditivos químicos, de elaboración complexa, artesá e moi persoal.
A Rebel Wine Fest conecta adegas, sumilleres e restauradores, e confirma a tendencia á alza dunha forma de elaborar o viño respectuosa co produto e coa contorna.
"A día de hoxe hai un consumo do 3 % no mercado e estímase que chegará ao 7 % o ano que vén para este tipo de viño. Queriamos poñer no centro este tipo de produtores e produtoras que apostan polos proxectos naturais", explica Judit Cabana, membro da organización.
A feira superou todas as expectativas da organización e terá continuidade.