A RAG gaba as cantareiras e o seu xeito de vivir a lingua "sen limitacións"
O presidente da institución pide compromisos tanxibles "para ver o noso idioma convertido nunha lingua normal"
Henrique Monteagudo reclama unha reformulación a fondo que poña a infancia e a mocidade no centro da política lingüística
O acto da Real Academia Galega celebrouse en Malpica de Bergantiños, lugar de nacemento das Pandereteiras de Mens
"Queremos vivir o idioma tranquila e plenamente, con ledicia e sen limitacións", foi este sábado a reflexión do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, que exemplificou nas cantareiras e na súa "enerxía colectiva", homenaxeadas neste 17 de maio.
No plenario extraordinario e público da institución, no centro cívico de Malpica de Bergantiños, pediu observar ese referente na transmisión xeracional da lingua e apostar por unha reformulación a fondo que poña a infancia e a mocidade no centro da política lingüística.
Non en balde, a conmemoración foi unha sorte de acto de recoñecemento ao "exemplo luminoso" das creadoras e transmisoras de cantares anónimos, así como ás persoas que os investigan, recollen e levan aos escenarios.
"A nosa ilusión non se extingue", proclamou Monteagudo, malia que o pasado outono se coñecese unha estatística que di que o galego perdeu a súa posición como lingua máis falada de Galicia, e tamén por riba dos discursos políticos que "non aboan" a esperanza.
"Necesitamos mensaxes de entusiasmo acompañados de compromisos tanxibles e sóbrannos retóricas ocas (...) Precisamos saír do bucle interminable das polémicas estériles alleas ao alento dunha cidadanía que aspira a ver o noso idioma convertido nunha lingua normal", proclamou.
Transmisoras dun rico patrimonio
A académica Ana Boullón trazou un retrato das sete mulleres nas que a RAG personificou este Día das Letras, que son Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción, Manuela e Teresa.
Lembrou que todas elas eran persoas fortes, que atravesaron situacións difíciles e que souberon transmitir, con todo, o rico patrimonio do que eran depositarias.
"Agora, para o futuro", apuntou a impulsora da candidatura.
O académico Antón Santamarina celebrou ese "espello da vida campesiña" e que a tradición siga, "aínda que sexa doutro xeito".
"Vivimos un rexurdimento sen precedentes que probablemente veu para quedar", dixo ao aludir aos estilos musicais actuais que beben deste legado.
Relevancia artística
O expresidente da RAG, Xesús Alonso Montero, defendeu na súa alocución a relevancia artística do cancioneiro da tradición oral, base e inspiración dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, protagonista da primeira celebración do 17 de maio, no 1963, no centenario desta obra.
O profesor Montero tamén quixo compartir co público, nunha confesión máis íntima, a influencia destes poemas cantados na súa propia traxectoria.
"Fun alumno na Universidade Central de don Dámaso Alonso, un dos filólogos hispanos máis sabios á hora de explicar a poetización dos textos; pois ben, eu non descubrín a poesía na Universidade Central, fíxeno nas lareiras e nas tabernas do Ribeiro de Miño, na universidade rural e cotiá dos meus anos de adolescencia".
A Real Academia Galega pechou coa interpretación do himno unha gala que pivotou sobre o pasado e o futuro dunha artesanía vocal que se abre aos novos tempos.

Herdeiras dunha tradición ancestral
A voz e a música das Tanxugueiras inauguraron a sesión, que se celebrou no concello onde naceron as Pandereteiras de Mens, nas que se personifica a homenaxe deste ano.
Este grupo de mozas novas é unha das caras máis visibles dunha tradición que se volveu vangarda, grazas ao seu traballo e ao de xente como Mercedes Peón, Leilía ou Fillas de Casssandra.
Todas constitúen o elo que as une a Eva, Adolfina, Rosa, Prudencia, Asunción, Teresa, Adela e Manuela, elixidas para representar a todas as mulleres que contribuíron á transmisión da cultura popular galega.
Eran labregas, traballaron no servizo doméstico e algunhas emigraron. A maioría nunca subiu a un escenario, pero foron as principais transmisoras da lírica popular.