Publicador de contidos

A ración do polbo no San Froilán sobe ata os 14 euros

A ración do polbo no San Froilán sobe ata os 14 euros

Os hostaleiros pediron subir os prezos ante o aumento dos custes da materia prima

G24.gal 05/09/2023 16:27

Comer o polbo nas casetas do San Froilán será este ano máis caro. A ración pasa de 12 a 14 euros e os cachelos soben a dous euros. Son as tarifas que fixou o Concello, atendendo á demanda dos hostaleiros que pagan por montar os postos. 

"Trasladáronnos a suba dos prezos que xa vemos cando imos ao supermercado. E que este ano está aí esa suba extraordinaria do aceite de oliva. Dicíannos que era case imposible manter un polbo de calidade", di Maite Ferreiro, concelleira de Cultura e Turismo no Concello de Lugo.

Os hostaleiros pedían compensar esa suba do aceite, do gas e dos custos de persoal, e tamén o encarecemento do produto rei, o polbo.

O prato levaba cinco anos a doce euros e o negocio non lles era rendible.

"Era unha necesidade. O prezo do polbo, o aceite está como está. Todo custa máis. A cesta da compra. Creo que é un prezo xusto", di o hostaleiro Ramiro López.

Degustar o polbo nas casetas é unha tradición para lugueses e visitantes, que semellan entender o incremento de prezos. Todos cren que os clientes seguirán enchendo as casetas.

As tarifas do pan e do viño mantéñense a 1,50 e 6 euros nunhas casetas que comezarán a instalarse a próxima semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos

Publicador de contidos