A puñadas na praza de Europa de Lalín
Os veciños denuncian ameazas, agresións e tráfico de drogas en pleno centro da vila
A parte superior do aparcadoiro soterrado da praza de Europa en Lalín é o escenario. Os veciños din que teñen que convivir a diario con insultos tráfico e consumo de drogas, e con liortas nas que algunhas, din, se chega a apostar. Aseguran que cada vez é mais frecuente ver este tipo de situacións incluso a carón dun parque infantil. E din que cada día están máis preocupados.
Hai leas que gravaron en vídeo, onde se ve como un mozo con algúns coñecementos técnicos de boxeo vaise achegando a outro ata que lle manda unha puñada, afortunadamente sen efecto para o agredido. Afirman que na praza é común ver a mozos pelexando con luvas de boxeo ou a puñadas en pelexas para as que se citan varios grupos e nas que mesmo habería apostas polo medio.
Os veciños están fartos, tamén, de presenciar case a diario como se consumen drogas ou se trafica con sustancias prohibidas sobre todo as fins de semana.
Contan que a praza de Europa se converteu nun lugar perigoso e algúns dos grupos atemorizan persoas maiores que transitan pola zona polo simple feito de pasar por aquí. Así mesmo, outros rapaces sofren ameazas cando pasan por este espazo público para ir ao parque infantil ou as pistas polideportivas, lugares ata agora frecuentados polas mozas e mozos da localidade.
As forzas de seguridade investigan algunhas das ameazas dos mozos que frecuentan a praza pola gravidade das mesmas, á marxe de agresións sufridas por varios rapaces semanas atrás. Queren recuperar este espazo que está no centro da vila, pero de momento o único que poden facer é avisar para que calquera que pase por esta praza teña coidado.