Publicador de contidos

Publicador de contidos

A protesta do metal bloquea o acceso á Coruña

A protesta do metal bloquea o acceso á Coruña

A Ponte Pasaxe e a avenida de Alfonso Molina tiveron que ser cortadas ao tráfico en dirección entrada

Unha xornalista, insultada e lesionada ao recibir o impacto dun petardo; o CPXG e os sindicatos condenan a agresión

Este xoves os sindicatos teñen unha nova reunión coa patronal

EFE/Cabalar
G24.gal 11/06/2026 14:01

O sexto día de folga no metal coruñés paralizou os accesos á Coruña este mediodía. A marcha convocada conxuntamente pola CIG, UXT e Comisións Obreiras partiu de Perillo e obrigou a cortar ao tráfico a Ponte da Pasaxe e a avenida de Alfonso Molina en dirección entrada á cidade.

Este venres, patronal e sindicatos volven sentar na mesa de negociacións. Os representantes dos traballadores demandan vontade real de chegar a acordos e advirten que non pensan afrouxar.

Se non hai avances nesa xuntanza, o sector ten previstas novas xornadas de folga os días 16, 17 e 30 de xuño e tamén o 2 de xullo.

Unha xornalista, insultada e lesionada ao recibir o impacto dun petardo

Unha xornalista, do medio dixital Quincemil, resultou lesionada ao recibir o impacto dun petardo durante a manifestación. Previamente, dixéronlle "niñata únete".

A isto ela respondeu que estaba a traballar momento no que recibiu o impacto do petardo, o que lle provocou unha ferida nun xeonllo, alén de sufrir nese momento, segundo o seu propio relato, un ataque de ansiedade.

Tras coñecer o sucedido, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia (CPXG) condenou "o lanzamento de petardos a unha xornalista na manifestación do metal hoxe na Coruña".

Fíxoo a través de redes sociais e para incidir en que "a agresión dos manifestantes, deliberada e precedida de insultos machistas cara á profesional, significa un ataque intolerable contra a liberdade de prensa".

En concreto, os feitos producíronse cando a manifestación transcorría pola zona da ponte da Pasaxe en dirección á cidade, é dicir no inicio da mesma, e cando avanzaban para chegar ata a sede da patronal.

Os sindicatos CIG, UXT e CC.OO. lamentaron profundamente o incidente ocorrido cunha xornalista durante o discurso da manifestación da folga do metal da Coruña, que cualificaron como un "feito illado", e piden que non se condene a todo o colectivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade