A problemática dos narcopisos esténdese en Santiago ao barrio de Sar
Dúas vivendas a poucos metros unha da outra disparan as alarmas na veciñanza
Na contorna quéixanse do ir e vir de xente, e de pelexas e conflitos no portal
"Sabemos que hai narcopiso porque aí hai moito movemento estraño de noite. Aí montan cada unha, con entrada e saída de xente que non vive aquí. Rompen con todo. Se non teñen chave ou se non lles contestan, rompen os cristais do portal. Parece ser que no piso teñen unha morea de lixo, de bicicletas e cousas que son roubadas, cremos", di un veciño que prefire non dar a cara.
Agóchase por medo a represalias. Coma todos, porque son violentos e puido comprobalo un equipo da Televisión de Galicia. Un corte de mangas, sen mediar palabra, e en zona pública. Despois, ameazas e insultos.
Para quen convive con eles, sexa na propia escaleira ou nos edificios máis próximos, é o pesadelo do día a día.
"Golpes nas portas, falando, despertamos de madrugada porque teñen o costume de vir e ir tocando o timbre de todas as portas. Hai pouco romperon o cristal da porta principal. Ven moito a policía", concorda outra muller.
Non na mesma rúa, pero si a poucos metros.
"Aí hai dous ou tres consumidores nun piso que está tapiado pero ocupado e tamén lle subministran estes", explica o mesmo home.
Aquí á venda e ao consumo súmase a ocupación dunha casa que ten entrada tamén polas hortas de atrás. Un acceso perfecto para evitar a vixilancia policial.
"Escoitaba barullo, moias pelexas. Houbo unha pelexa cunha veciña e claro que temos medo", confirma unha veciña do outro portal.
A veciñanza protéxese como pode. De feito, son edificios sinxelos, sen luxos, pero non escatiman en cámaras de seguridade, alarmas e mesmo avogados.
"Houbo roubos de cousas, por exemplo, da decoración de nadal das portas, e os veciños empezaron a moverse para tentar denunciar", engade a muller.
Confían pouco nunha solución. Sábeno pola experiencia doutras zonas nas que levan tempo xa coa mesma problemática: venda e consumo.