Publicador de contidos

Publicador de contidos

A princesa Leonor e os seus compañeiros, recibidos a ritmo de batucada en Salvador de Baía

A princesa Leonor e os seus compañeiros, recibidos a ritmo de batucada en Salvador de Baía

O buque escola Juan Sebastián de Elcano inicia no Brasil o seu percorrido polo continente americano

A princesa Leonor xunto a outros gardamariñas do Juan Sebastián de Elcano en Salvador de Baía, no Brasil. CASA REAL / FRANCISCO GÓMEZ A princesa Leonor xunto a outros gardamariñas do Juan Sebastián de Elcano en Salvador de Baía, no Brasil. CASA REAL / FRANCISCO GÓMEZ
G24.gal 14/02/2025 19:04

A princesa Leonor atópase xa en Salvador de Baía (O Brasil), primeira parada no seu periplo americano do buque escola Juan Sebastián de Elcano que a levará ata xuño a visitar oito países do continente xunto aos seus compañeiros na Escola Naval de Marín.

O veleiro de instrución chegou ás 8:30 hora local (12:30 hora española) ao porto brasileiro, tras permanecer fondeando desde a véspera na baía fronte á cidade.

Na súa aproximación ao peirao, a unidade de música do buque escola intercambiou temas militares musicais de España e do Brasil coa unidade de música do Distrito Naval de Salvador de Baía. Toda a tripulación do barco, incluída a princesa de Asturias seguiron o espectáculo desde cuberta.

Cando chegaron ao peirao, foron recibidos por un grupo de mulleres percusionistas da Escola Pracatum, vinculada con Carlinhos Brown, que interpretou unha batucada.

A continuación, realizáronse os honores de ordenanza, co saúdo á embaixadora de España no Brasil, Mar Fernández-Palacios, os cinco "Viva España!" correspondentes que a princesa Leonor e os seus compañeiros proferiron desde as enxarcias e paus, para terminar co himno nacional. 

Por último, a embaixadora dirixiulles unhas palabras a bordo aos gardamariñas e á dotación do barco, antes de seguir cun xantar oficial e de concluír a xornada cunha recepción a bordo.

Pola súa banda, o comandante do Juan Sebastián de Elcano, capitán Luis Carreras-Presas do Campo, destacou que esta é "a visita número 63 nos case 100 anos de historia" que o buque escola realiza ao Brasil e a décima a esta cidade. A última produciuse en 2016.

Primeira escala tras cruzar o Atlántico

"É unha das escalas que agardamos con máis ledicia", recoñeceu o capitán, xa que se trata da primeira escala tras a travesía de case tres semanas cruzando o Atlántico que transcorreron "moi ben" grazas aos ventos alisios.

"É unha viaxe moi bonita porque navegamos neste gran veleiro con todo o aparello despregado e permite que os gardamariñas alcancen unha sólida formación mariñeira", precisou. O capitan do Elcano agradeceu a acollida no porto e asegurou que "para os gardamariñas é unha oportunidade moi grande poder coñecer esta cidade, os seus cidadáns, a súa cultura, os seus costumes e a súa gastronomía.

Durante a súa estancia, que se prolongará ata o 19 de febreiro, está prevista unha visita turística á cidade, así como a realización dunha ofrenda floral aos caídos de ambas as Forzas Armadas e un acto formal de entrega á Mariña do Brasil por parte da Armada española da copia restaurada do cadro Sitio e empresa de Salvador de Baía.

Así mesmo, a Consellería Cultural da Embaixada xunto co Instituto Cervantes e o Instituto Xeográfico e Histórico de Baía organizaron un seminario de historia baixo o título 'Salvador de Baía e o seu Sitio e empresa de 1625'.

Ao seminario asistirá unha representación de oficiais do Juan Sebastián de Elcano. A escala en Salvador de Baía este ano prodúcese con motivo da conmemoración do 400 aniversario da recuperación da cidade de mans dos holandeses por parte dunha frota combinada hispano-portuguesa comandada polo almirante don Fadrique Álvarez de Toledo, a maior ata ese momento que conseguira cruzar o Atlántico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade