Publicador de contidos

Publicador de contidos

A primeira ministra sueca anuncia a súa dimisión tras coñecerse o resultado electoral

A primeira ministra sueca anuncia a súa dimisión tras coñecerse o resultado electoral

O seu partido foi o máis votado, pero o bloque da dereita suma 3 escanos máis ca os da esquerda

A ultradereitista SD quedou en segunda posición, pasando por diante dos conservadores

G24.gal 14/09/2022 19:41 Última actualización 14/09/2022 20:19

A primeira ministra sueca, a socialdemócrata Magdalena Andersson, anunciou este mércores que mañá presentará a súa dimisión tras confirmarse a derrota do bloque de centroesquerda fronte á oposición de dereita nas eleccións lexislativas do domingo.

Escrutados o 99,7% dos distritos electorais, a oposición de dereita gañou as eleccións por tres escanos, 176 a 173, segundo o reconto de hoxe da Autoridade Electoral, que inclúe o voto exterior e os votos anticipados enviados dentro de prazo pero que non chegaron a tempo.

Os socialdemócratas, forza máis votada no último século, defenderon a súa primeira posición e lograron o 30,4 %, dous puntos máis que en 2018.

En segunda posición quedou o ultradereitista Demócratas de Suecia (SD), co 20,6%, tres puntos máis, por diante dos conservadores do líder opositor, Ulf Kristersson, que baixaron sete décimas ata o 19,1%.

"Contabilizáronse case todos os votos, pero o resultado electoral preliminar é o suficientemente claro", dixo en conferencia de prensa Andersson.

Andersson vaticinou que será unha lexislatura "dura" e "complicada" pola escasa diferenza e mostrouse preocupada polo ascenso do SD.

"Iso intranquiliza moitos suecos. Vexo esa intranquilidade e compártoa", afirmou a primeira ministra, que instou a combater o odio e a intolerancia e chamou as outras tres forzas da dereita para poñerlle "límites" ao SD.

A líder socialdemócrata resaltou así mesmo que o seu partido obtivo un resultado electoral "sólido" e que é "con claridade" o máis grande de Suecia.

O resultado final coloca o bloque opositor co 49,6% dos votos fronte ao 49% do centroesquerda e a diferenza entre os bloques pasa dun a tres escanos, con respecto ao resultado difundido o luns, cando faltaban por contabilizar os chamados "votos do mércores".

Algo máis de 44.500 votos separaban o luns a ambos os bloques, que mantiveran estes días a prudencia á espera dun resultado definitivo, aínda que os catro partidos do bloque de dereitas mantiveron reunións e os medios suecos especulaban xa coa posible repartición de carteiras.

Os "votos do mércores" tiveron historicamente pouca influencia no resultado final, coa excepción de 1979, cando decantaron a vitoria da dereita, despois de que 8.500 papeletas separaran  ambos os bloques na noite electoral.

O SD resultou o gran gañador dos comicios: non só foi a forza que máis creceu, senón que lle arrebatou aos conservadores o liderado no bloque de dereita, que detentaba desde 1979, e terá influencia directa na formación de goberno tras unha década de illamento.

Esta formación de ultradereita, con raíces neonazis na súa orixe a finais dos oitenta, foi sometida a un "cordón sanitario" polo resto de forzas desde a súa entrada no Parlamento en 2010, o que explica que os socialdemócratas gobernaran en minoría as dúas pasadas lexislaturas a pesar de que na Cámara había maioría da dereita.

Na última foi necesario un pacto con centristas e liberais, rompendo a alianza de centrodereita que existía desde 2004, para manter o illamento, aínda que conservadores, democristiáns e liberais, que volveron cambiar de bando, defenden desde hai tempo negociar coa ultradereita, aínda que sen que estea no goberno.

Os medios suecos rumorean coa posibilidade de que conservadores e democristiáns formen un executivo de minoría, encabezado por Kristersson e apoiado desde fóra polas outras forzas do bloque.

Con todo, o SD reclamou un papel "central" e ambiciona "formar parte do Goberno", segundo dixo a noite electoral o seu líder, Jimmie Åkesson

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade