Publicador de contidos

Publicador de contidos

20-N: cincuenta anos da morte de Franco tras case corenta de ditadura

20-N: cincuenta anos da morte de Franco tras case corenta de ditadura

Na acta oficial de defunción figuran as 5:25 da madrugada como hora da morte, aínda que o falecemento se producira horas antes

A operación Lucero, o plan organizado polos servizos secretos para manter a orde cando se producise o falecemento, levaba case un mes activada

Dous días despois o Xoán Carlos I xura como rei ante as Cortes franquistas

G24.gal 20/11/2025 10:51 Última actualización 20/11/2025 12:37

Fai 50 anos da morte de Francisco Franco, designado "caudillo" o 1 de outubro de 1936, por acordo dos xenerais que se sublevaron contra a II República o 18 de xullo anterior, e xefe do Estado español desde a fin da Guerra Civil.

O ditador falecía nunha cama do Hospital da Paz de Madrid. Aínda que na acta oficial de defunción figuran as 5:25 da madrugada como hora da morte, a noticia saltou á prensa antes das cinco.

A axencia Europa Press difundiu, en primicia, a que cualifican como noticia máis importante da súa historia, e fíxoo cun teletipo contundente: "Franco morreu, Franco morreu, Franco morreu". Eran as 4:58 horas daquel xoves 20 de novembro de 1975. 

Testemuños médicos sitúan o falecemento pouco despois das tres e media, incluso algúns unhas horas antes.

Era unha noticia agardada. A operación Lucero, o plan de continxencia dos servizos secretos para as primeiras horas e días sen Franco, activárase xa o 25 de outubro, a data en que Franco recibiu a extrema unción. O día 14 dese mes sufrira un infarto, e iniciase unha longa agonía mentres, entre outras cousas, se organizaba a solución para a sucesión de poderes.

O 20 de outubro Vicente Pozuelo, o médico persoal do ditador alertara o equipo que debía embalsamalo. Era cuestión de tempo.

O 14 de novembro, opera a Franco por terceira vez, o falecemento parecía inminente. Os arredores do centro hospitalario estaban infestados día e noite de xornalistas e curiosos, o fluxo de visitas de familiares, políticos e militares era constante, e nos xornais xa se falaba dunha España sen Franco.

Segundo publicou o diario Pueblo, pasadas as oito da tarde do 19 de novembro chegaron á Paz Carmen Polo, a súa filla Carmen e a súa irmá Isabel. A súa saída, uns trinta minutos despois, coincidiu co último parte médico: seguía en estado crítico, sedado, con respiración asistida e mantíñano a 33 graos para evitar máis hemorraxias.

Ás dez menos vinte chegan os príncipes (o futuro rei Xoán Carlos e Sofía); pouco máis tarde, o presidente do Goberno, Carlos Arias Navarro, e o presidente das Cortes, Alejandro Rodríguez Valcárcel.

Son as últimas visitas que recibe un Franco sedado, frío, cheo de tubos e cables, ao que os españois poderán ver anos máis tarde cando se publiquen unhas polémicas fotos da súa agonía, das que se fixo responsable como autor Cristóbal Martínez-Bordiú, marqués de Villaverde e xenro de Franco, quen non admitiu ser quen as vendera á revista que as publicou en 1984.

"Xa está"

O Yernísimo, como o coñecían entón, que estivera actuando na práctica como xefe do equipo médico que atendía a Franco -era cardiólogo- e como ligazón informativa coa familia, o Goberno e o príncipe, sae do hospital sobre as catro da mañá e diríxese ao Pardo.

Quedan con Franco os xefes das casas civil e militar do xefe do Estado, que comezan a facer chamadas para dar a esperada noticia ao príncipe, ao Goberno, aos mandos militares. "Xa está. Morreu".

A partir dese momento, a operación Lucero empeza a desenvolverse segundo o planificado. O primeiro, o parte médico que informaba da morte do xefe do Estado ás cinco horas e vinte e cinco minutos do día 20 de novembro, por parada cardíaca, como episodio final dun 'shock' tóxico por peritonite.

Despois, o ministro de Xustiza, José María Sánchez-Ventura, notario maior do Reino, levanta acta do falecemento.

"Españoles, Franco ha muerto"

Ás 6:05 horas, o ministro de Información e Turismo, León Herrera, le unha nota en RNE: "Comunícase aos españois que ás cinco e vinte e cinco minutos desta madrugada faleceu en Madrid o xeneralísimo Franco, xefe do Estado, despois dunha longa e penosa enfermidade".

O entón comandante Juan María Peñaranda, membro do reducido equipo do Servizo Central de Documentación (Seced, os servizos secretos), que deseñou a operación Lucero, explicou máis tarde que no plan figuraba que a comunicación ao país da morte de Franco debería producirse "en calquera caso" á primeira hora da mañá, porque de día resultaría máis fácil controlar posibles accións subversivas.

Seguindo o guión, ás 10:00 tocáballe a quenda a Arias Navarro, que con solemnidade e emoción, tal e como estaba previsto, pronunciou o "Españoles, Franco ha muerto", antes de ler o que se coñece como o testamento político de Franco.

A continuación, Arias preside un Consello de Ministros que empeza a poñer en marcha as previsións da lei de sucesión e decreta loito oficial durante trinta días.

Despois, vaise ao Pardo, onde chega arredor das 11:40, case á vez que o féretro do ditador xa vestido co uniforme de gala de capitán xeral do Exército para ser velado pola súa familia e algunhas personalidades, como os aínda príncipes. Franco pasa a súa última noite no Pardo.

Moi pronto pola mañá trasládaselle ao Palacio de Oriente, onde, ás 8:00 horas do 21 de novembro, empeza a entrar a xente na sala de columnas na que se instala a capela ardente, que permanecerá aberta ininterrompidamente ata as sete da mañá do 23 e pola que pasaron nesas 48 horas centos de miles de españois.

Entre as personalidades que asistiron ao funeral do ditador figuraron o ditador chileno, Augusto Pinochet, e tamén Imelda Marcos, esposa do presidente filipino, Ferdinand Marcos. Franco recibiu sepultura na basílica do Val dos Caídos, onde os seus restos repousaron ata 2019.

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)

Ese domingo, ás 14:11 horas na basílica do Val dos Caídos (hoxe de Cuelgamuros) escoitouse o son da laxa ao encaixarse no sepulcro. 

"Atado e ben atado"

Non foi ata 1947 cando o Réxime estableceu por lei que España era un reino e que a Xefatura do Estado podería ser exercida por unha persoa designada por Franco. Esa designación fíxose esperar. En 1969 'a título de rei' recae no infante Xoán Carlos, fillo do sucesor dinástico, Don Juan de Borbón (exiliado en Estoril) e neto de Afonso XIII. O ditador pactou con don Xoán educar a Juan Carlos en Madrid, onde se trasladou en 1948 con só 10 anos.

O 22 de xullo de 1969 Franco deixou resolvido a súa substitución no poder co xuramento ante as Cortes franquistas de Xoán Carlos, que se converteu entón en Príncipe de España, que non de Asturias porque don Xoán retivo ata 1977 os dereitos dinásticos.

"Todo quedou atado e ben atado", dixo o ditador meses despois, no seu discurso de Nadal de 1969.

En xuño de 1973, Franco designou como xefe do Executivo ao almirante Carrero Blanco, estreito colaborador do ditador, o que facía pensar que se convertería no home forte do Estado á súa morte e en garante da perpetuación do franquismo sen Franco.

Con todo, esas expectativas víronse truncadas cando Carrero foi asasinado o 20 de decembro dese mesmo ano nun atentado perpetrado por ETA en Madrid.

Os sectores máis inmobilistas influíron para que Franco nomease a Carlos Arias Navarro como presidente do Goberno.

O 9 de xullo de 1974 o ditador ingresa nun hospital para tratarse unha flebite. O príncipe asumiu a xefatura do Estado de forma interina durante sete semanas, pero Franco decidiu retomar o poder a pesar da súa fráxil saúde, agravada pola enfermidade de párkinson.

Xoán Carlos asumiunos de forma interina o día 30 de outubro e xurou como rei ante as Cortes Franquistas o 22 de novembro. O desenlace coincidiu coa abrupta saída de España do Sáhara Occidental por mor da Marcha Verde.

No seu libro Reconciliación, o hoxe rei emérito relata a última conversación co ditador no seu leito de morte: "Colleume da man e díxome como nun último suspiro: "Alteza, só lle pido e unha cousa: manteña a unidade do país".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade