A presidenta de Red Eléctrica descarta dimitir
O Goberno avala a xestión de Beatriz Corredor na gran apagada
Todas as olladas están postas en Red Eléctrica, unha empresa privada, pero cuxo maior accionista é o Estado. A súa presidenta deu este mércores as primeiras declaracións sobre a crise. Defende a xestión da compañía e descarta dimitir.
Beatriz Corredor cre que está "asumindo correctamente" a súa responsabilidade e asegura que non é o seu "estilo" "non dar a cara". "Se tivese conciencia de que hai algo que fixen mal, a que o formularía sería eu, pero é que nesta casa traballouse ben", dixo nunha entrevista na Cadena Ser.
O Goberno tamén a avala. Pilar Alegría, voceira do Goberno, insistiu na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros en que a resposta do sistema "foi rápida e segura".
O Executivo puxo en marcha unha comisión, con varios ministerios implicados, para investigar que causou a apagada. Red Eléctrica e os operadores privados empezan a enviar todos os datos técnicos ao Goberno central.
Sara Aagesen, ministra para a Transición Ecolóxica, entende que "isto vai ser un incidente illado" e asegurou que van poñer todas as medidas necesarias "para que non volva ocorrer no noso país". A tamén vicepresidenta terceira admitiu que o Goberno non sabe exactamente cal foi a orixe e, por esa razón, considera que esa investigación "é fundamental".
A resposta do Goberno non satisfai nin a aliados nin á oposición. Sumar e Podemos reclaman unha empresa pública eléctrica e que se depuren responsabilidades. Tamén os populares esixen dimisións ante unha crise inédita na historia do país, empezando pola do presidente do Goberno e rematando pola da presidenta de Red Eléctrica, Beatriz Corredor.