Retómase a investigación do triplo crime ocorrido en Burgos en 2004
A policía reactiva as pescudas do crime da ourensá Julia dos Ramos, o seu home e o fillo menor da parella
Rexistran as propiedades que o principal sospeitoso ten na comarca burgalesa de Bureba
Os especialistas da UDEV buscan calquera evidencia ou resto que poida relacionar a Ángel Ruiz, veciño da familia asasinada e principal sospeitoso, co triplo crime.
Ata a pequena localidade de La Parte de Bureba desprazáronse varias unidades e agárdase que os rexistros se prolonguen durante varios días.
É a quinta vez que rexistran as propiedades de Ruiz desde que en 2016 pasou a ser o principal sospeitoso despois de ser identificado como o autor dunhas pintadas ofensivas aparecidas na tumba de Salvador Barrio.
"Os rexistros que se están facendo buscan fundamentalmente atopar indicios físicos da participación desa persoa no triplo homicidio do ano 2004".
Barrio, a súa muller, a ourensá Julia dos Ramos, e o fillo pequeno da parella apareceron asasinados a coiteladas no domicilio familiar situado na capital burgalesa.
O fillo máis vello salvou a vida porque estaba interno nun colexio de Aranda de Duero.
Agora, 17 anos despois, a investigación do crime toma un novo pulo que as familias das vítimas agardan que sexa o definitivo.