A Policía investiga a morte dun matrimonio sexaxenario en Vigo como un crime
O home tiña varias feridas de arma branca nas costas
A muller non presentaba sinais de violencia externos
A Policía localizou os corpos sen vida do matrimonio na tarde do venres. Estaban no interior do seu piso, situado na rúa Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Foi a filla da parella, de 61 e 66 anos, quen avisou as forzas de seguridade ao levar unha semana sen novas dos seus proxenitores. Cando entraron na vivenda, atoparon o cadáver do home con feridas de arma branca nas costas. Segundo transcendeu, tiña 10 coiteladas.
Noutro cuarto, sen sinais de violencia externos, estaba a muller. A carón dela atoparon un bote de pastillas. A autopsia determinará se faleceu por unha intoxicación.
Entrementres, a Policía Nacional investiga os feitos como un crime. Sería o segundo en dúas semanas.