A policía disolve varias pelexas en Lugo, unha delas cun ferido
A vítima da malleira tivo que ser trasladada ao HULA
A policía tivo que disolver en Lugo varias pelexas, algunha delas entre grupos de ata unha vintena de mozos en cada bando. Sucedeu na contorna da avenida de Ramón Ferreiro, como é o caso da rúa Doutor Fleming.
De feito, os veciños que residen onde se produciron os altercados denunciaron as liortas e o ruído xerado e mais demandan que se tomen medidas a prol do seu descanso. Aseguran estar a vivir un inferno cada fin de semana, cun número cada vez maior de episodios violentos.
Outra zona do centro da cidade onde se adoitan rexistrar pelexas é nos arredores da catedral. Na pasada fin de semana, un mozo recibiu unha malleira e quedou malferido na contorna da rúa Clérigos, polo que tivo que ser trasladado ao HULA nunha ambulancia do 061.