Mala colleita de cogomelos de primavera polos bruscos cambios de temperaturas e a chuvia intensa
Unha oscilación térmica como non se dera ata agora, como pasar dos 30 aos 0 graos en apenas uns días, ademais das forte chuvia e sarabiadas, minguaron de xeito importante a produción micolóxica neste ano
Os expertos advirten dos efectos que o cambio climático ten sobre os cogomelos, protectores e indicadores fundamentais dos ecosistemas naturais
A calor excesiva, ou máis ben as oscilacións térmicas tan abruptas que vivimos nas últimas semanas, son algunhas das causas que explican a mala campaña de cogomelos desta primavera. Unha época do ano en que, non con tanta abundancia como no outono, pero tamén hai fungos interesantes.
É unha evidencia empírica. Non hai máis que saír ao monte para decatarse de que a colleita de fungos é nesta primavera máis ben desastrosa.
"En comparación con outros anos, este foi dos peores. Unha campaña totalmente atípica, na que non atopamos os fungos que atopamos outros anos. Houbo menos cantidade e menos calidade", sinala Alejandro Mínguez, divulgador micolóxico de Ourense.
A calor abafante aféctalles tanto como o frío intenso, por iso apenas se dan no inverno e no verán. E este ano déronse todos os extremos nunha mesma semana.
"Días de intensísima calor, superando os 30 graos, algo que antes non acontecía. E podemos chegar a ter temperaturas de 0 graos ou estar dúas semanas sen parar de chover. Son condicións que non facilitan para nada a produción de cogomelos", engade Alejandro.
Uns cambios bruscos que tamén alteran o aspecto, e iso dificulta a súa correcta identificación.
"Esa fotografía de libro, coa forma ideal do cogomelo, que temos retida na mente, pode cambiar precisamente polas condicións climáticas que tivemos agora na primavera. Os fungos deterióranse máis, cuartean máis a pel, secan máis rapidamente e incluso son máis propensos a enfermar pola acción dos vermes que os atacan", conta Ricardo Mínguez, tamén divulgador micolóxico de Ourense.
Non tantos como no outono, pero en primavera danse tamén cantarelos, boletos ou agáricos. E moitas especies que medran na madeira. Porén, o cambio climático supón a aparición de especies doutras latitudes.
Os micólogos fan fincapé no valor dos cogomelos como protectores e indicadores da saúde dos ecosistemas, agora en perigo polo quecemento global.