Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra, candidata española a Patrimonio da Unesco

A Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra, candidata española a Patrimonio da Unesco

Xa a presentaran e retiraran en 2020 pero agora céntrase na relación de séculos entre a paisaxe e a poboación

A decisión da UNESCO coñecerase en 2026 

G24.gal 29/04/2024 16:55 Última actualización 29/04/2024 18:52

Situada no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense, nas beiras dos ríos Miño e Sil, a Ribeira Sacra, é unha paisaxe única de 16 mil hectáreas, que abrangue 22 concellos, 96 mil parcelas e mil cincocentos anos de historia e ocupación ininterrompidas coa auga omnipresente.

O seu uso e aproveitamento modelaron a vida dos habitantes destas beiras fluviais de orografía hostil. O seu empeño en dominala ata os nosos días deixou para sempre a súa impronta na paisaxe. A historia desta relación é a da candidatura da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Un tesouro paisaxístico, cultural e enogastronómico como testemuñan mosteiros, igrexas, cultivos e estruturas parcelarias canda enxeños que perduran como exemplo da loita pola supervivencia e a busca de enerxía para logralo.

O mellor exemplo son as muras da viticultura construídas hai tempo polos habitantes que as seguen mantendo hoxe en día, esas muras que permitiron transformar as abas do Miño e do Sil que doutro xeito serían de arrastre para convertelas en abas produtivas.

Unha das liñas da candidatura céntrase especialmente na participación da veciñanza e en limar receos dos propietarios respecto á convivencia da viticultura heroica coa preservación do patrimonio etnográfico e artístico. Sen esas persoas que as manteñen hoxe en día non existiría a Ribeira Sacra.

Queda un ano para traballar e presentar a candidatura en febreiro de 2025 ante a UNESCO. Para preparar o brinde falta máis. A decisión será en 2026, daquela a Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra podería deixar de ser só fachenda galega para pasar a selo do mundo enteiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade