"Puxémonos na pel dunha persoa cega. É moito máis complicado do que pensabamos"
"Puxémonos na pel dunha persoa cega. É moito máis complicado do que pensabamos"
A ONCE achega os escolares á experiencia das persoas con discapacidade visual
Estudantes de todo o país teñen a oportunidade de escribir en braille, cruzar a rúa cun bastón ou mirar o mundo a través de sons e de texturas
Experimentar en carne propia as sensacións e as dificultades que teñen as persoas con discapacidade visual ou cegueira é o obxectivo das xornadas de portas abertas que celebran no Centro de Recursos Educativos que ten a ONCE en Pontevedra.
Pulsar as teclas dunha máquina Perkins, ou comprobar como perfora o papel cos caracteres en braille. Este sistema de lectoescritura, con só seis puntos e dous séculos de historia, segue sendo abraiante para os estudantes de hoxe en día.
Os que visitaron o centro estes días viron mapas adaptados, comprobaron a importancia das texturas, dos sons, das novas tecnoloxías incorporadas ao ensino, e sobre todo, a necesidade de empatía como mellor método de coñecemento.
Unha mañá no Centro de Recursos Educativas da ONCE en Pontevedra é unha oportunidade de asombro continuo: o que provoca ver a agudeza, o enxeño e a tecnoloxía dos que perciben o mundo sen o sentido da vista.