A nova lei de convivencia universitaria expulsará dos campus os acosadores e os plaxiadores
A norma quedou aprobada definitivamente ao recibir o visto e prace do Senado esta tarde
A Cámara Alta non introduciu modificacións e por tanto non ten que volver ao Congreso
Entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE
A lei aprobada derroga unha norma franquista
O Senado aprobou definitivamente a lei de convivencia universitaria, que derroga unha norma franquista de 1954, obriga a utilizar a mediación se hai conflitos e castiga ata con tres anos de expulsión o plaxio, as novatadas e o acoso sexual. Só se a mediación non ten éxito se volvería ao réxime disciplinario. A lei dá ademais unha ampla marxe de autonomía a cada universidade para aplicala.
O Pleno do Senado, ao que acudiu o ministro de Universidades Joan Subirats, rexeitou os vetos defendidos por PP, Ciudadanos e Geroa Bai contra a iniciativa do Goberno e aprobou o proxecto por maioría, cos votos en contra do Partido Popular, Vox, UPN e Ciudadanos. Emitíronse 264 votos, 152 a favor, 108 en contra e catro abstencións. A Cámara Alta non aceptou ningunha das 106 emendas presentadas polos grupos e, en consecuencia, votou sen cambios o ditame procedente do Congreso. Non será necesario, daquela, que regrese ao seu hemiciclo e entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE.
As faltas disciplinarias cualifícanse como moi graves, graves e leves. Considerarase falta moi grave realizar novatadas, o acoso sexual ou a discriminación de calquera tipo, como, por exemplo, por razón de sexo, orixe, pertenza a grupo étnico, discapacidade ou relixión. Alterar documentos universitarios ou plaxiar obras tamén serán consideradas faltas moi graves.
A Conferencia de Reitores de España, a CRUE, expresou a súa decepción pola aprobación desta lei porque, din, permite que "cada comunidade autónoma e cada universidade poida aplicar unhas regras diferentes, o cal crea incerteza e inseguridade xurídica".