Comesaña é partidario de iniciar o proceso de retirada da máscara con criterios técnicos e epidemiolóxicos
Comesaña é partidario de iniciar o proceso de retirada da máscara con criterios técnicos e epidemiolóxicos
Despexarán unha grande incógnita: cando e onde se poderá quitar a máscara en interiores
A nova fase de normalización da covid–19 estará centrada nos máis vulnerables
O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas teñen previsto aclarar este xoves a nova estratexia de control da covid–19, o itinerario polo que se guiará a seguinte fase da pandemia, do que queda por despexar unha grande incógnita: cando e onde se poderá quitar a máscara en interiores.
Con este fin, levan reunidos desde onte nas Xornadas do Sistema Nacional de Saúde sobre Vixilancia en Saúde Pública convocadas en Zaragoza representantes dos Gobernos central e autonómicos, primeiro os técnicos, que propuxeron os novos criterios con que se debe manexar a crise sanitaria, e hoxe os conselleiros e a ministra de Sanidade Carolina Darias, que deberán referendalos.
Da nova estratexia sábese que estará centrada nos máis vulnerables e a súa contorna e nos casos graves: acabouse o cálculo diario de contaxiosos, a realización de probas de diagnóstico de infección activa con carácter xeral, os rastrexos ou o illamento dos leves e asintomáticos.
Deseñarán un escenario que permitirá "xestionar esta enfermidade como calquera outra do ámbito respiratorio", segundo explicou onte a anfitrioa do encontro, a conselleira aragonesa Sira Repollés; para iso, será necesario modificar os sistemas de vixilancia de forma gradual e unificar criterios, que son os aspectos que están a tratar estes dous días.
Tamén se abordarán criterios preventivos, corentenas, controis mediante redes sentinelas, signos de alarma que "fagan detectar que a enfermidade está a evolucionar de forma non previsible", a atención a persoas vulnerables e o uso de máscaras.
A máscara é a última gran restrición que queda vixente da fase aguda da pandemia. O presidente do Goberno Pedro Sánchez volveu insistir esta semana en que deixará de ser obrigatoria en interiores "pronto, moi pronto", cando así o determine a ministra de Sanidade.
A postura das comunidades autónomas
O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña afirmou esta mañá: "É o momento de iniciar o proceso de ir retirando o uso da máscara, pero con criterios técnicos e epidemiolóxicos, sobre todo pola situación que hai nos hospitais galegos".
Comesaña destacou que el está a favor "de ir normalizando a vida dos galegos e das galegas, pero nun contexto de prudencia e sempre coa referencia do incremento de contaxios que hai en Galicia".
Cataluña avoga por empezar a quitalas nas escolas progresivamente, empezando polos máis pequenos. Madrid, en palabras do seu conselleiro de Sanidade Enrique Ruíz Escudero, cre que "non pode ser unha decisión que tome o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de maneira unilateral e menos nun Comité Federal", senón que "é o momento de abrir o debate dentro da Comisión de Saúde Pública sobre cando, como e onde". Propón que deixe de ser obrigatoria en interiores, sempre que a evolución da pandemia o permita, coa excepción de contornas vulnerables como as residencias de maiores, os centros sanitarios e o transporte público.
Andalucía aposta por unha retirada "de maneira gradual e responsable", sempre conforme ao criterio técnico, científico e sanitario, e cre que non se debería "correr moito" e que cumpriría ser "moi prudentes" ata o verán. O presidente de Estremadura Guillermo Fernández Vara afirmou que, aínda que é o Consello Interterritorial o que debe establecer se é o momento ou non de retirar a máscara en interiores, quizais "chegase o momento de tomar a decisión".
O conselleiro de Saúde de Asturias Pablo Fernández Muñiz confiou en que destas xornadas saia un cronograma que aborde o momento adecuado, aínda que avogou por "avanzar con prudencia" nesta medida. Mentres que a conselleira vasca de Saúde Gotzone Sagardui criticou que haxa "moita elucubración" sobre deixar de usar máscaras en interiores, algo que ata o de agora non se expuxo no Consello Interterritorial, e pediu "prudencia".