A normalización do galego aumenta nos camposantos
Nos últimos anos incrementáronse os textos en lingua galega nas sepulturas e nas necrolóxicas
O proxecto de investigación Palabra e Memoria conseguiu identificar lápidas en galego en todos os concellos
A inscrición máis antiga data do século XVI e está nun sartego en Meira
O proxecto de investigación sobre o uso do galego nos camposantos de Galicia conseguiu identificar lápidas en lingua galega en todos os concellos.
Palabra e Memoria, que coordina o profesor Bernardo Penabade, suma máis de catrocentas persoas voluntarias que colaboran na investigación. Un traballo de pescuda que saca a luz curiosidades, como que en Meira a inscrición máis antiga non está en ningún dos catro cemiterios. Yoani Jartín, técnica de Cultura do Concello de Meira, explica que cando empezaron a facer a revisión déronse conta de que faltaban as da igrexa.
A inscrición en galego máis antiga localizada en Meira está nun sartego do ano 1518.
No interior do mosteiro de Santa María está a inscrición máis antiga, data do século XVI, e está no sartego que a nobre María de Bolaño mandou construír. Data do ano 1518 e o texto ao que fai referencia está en galego. Esta nobre pediu que enterrasen os seus pais, don Pedro de Miranda e a súa muller dona Inés, e todo o texto figura no lateral e na cabeceira.
Unha excepción a anos de imposición do castelán nos cemiterios que foi mudando nos últimos anos. "Vemos que aumentou moito a normalizacion do galego nos camposantos", engade Yoani Jartín, porque "antes quedaba relegada á xente que ao mellor tiña unha formación académica específica pero agora empeza a aparecer en calquera lápida, en calquera texto".
"Á xente encaixoulle moi ben o galego. Sempre se quere recodar ao ser querido, na lingua en que falaba".
Neste cambio de tendencia contribúen as facilidades das empresas marmoristas ou as funerarias, que ofrecen o seu uso nos servizos que ofrecen.
Cando se fai a esquela "sempre ofrecemos a posibilidade, se a queren en galego ou en castelán", subliña Teresa Rielo, que é florista en Gesma Lourido. No seu caso, a maior parte da xente decántase polo galego. Ademais, a familia que o elixe na necrolóxica, tamén o mantén para o cabodano.
Das máis de cen mil familias que o proxecto Palabra e Memoria leva estudadas en toda Galicia, máis de catro mil mantiveron o galego nas inscricións funerarias.
Os datos obtidos incorpóranse á Cartografía do uso do galego nos camposantos, un mapa interactivo que permite visualizar a porcentaxe de inscricións por municipio.
A Terra Chá e O Barbanza son as comarcas nas que o galego é máis frecuente, acada o 20 por cento.