A Noitevella de turismo rural, unha opción para os que queren tranquilidade
Houbo cancelacións de última hora, pero mantéñense as reservas nos aloxamentos completos para familias e parellas
A ocupación en Galicia está por debaixo 50 %, segundo a Federación Galega de Turismo Rural
Xa desde antes da pandemia eran unha grande alternativa para pasar a Noitevella nunha contorna tranquila. Falamos das casas de turismo rural, que a día de hoxe supoñen, en aparencia, un risco de contaxio menor que outros lugares. Aínda así, houbo cancelacións nos últimos días.
Pasar a Noitevella en familia ou en parella nun aloxamento rural é tamén unha opción para a xente que busca tranquilidade. No parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra ourensá, reduciron a ocupación, pero teñen as reservas completas.
"Nós cando sacamos o paquete de fin de ano reducimos a ocupación ao 50 %, e dentro dese 50 % vendemos todos os paquetes de fin de ano e temos os 35 cuartos ocupados", asegura Alberto Pereira, adxunto á dirección do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Aquí ofrecen un paquete especial con dúas ceas de gala e actividades como un paseo polo Sil en catamarán, visitas teatralizadas ou un concerto. E hai reservas de todos os puntos de España.
"Unha opción tranquila, relaxada e cunha boa oferta gastronómica", di un veciño de Bilbao aloxado no Parador de Santo Estevo.
Con todo, estes días nas casas de turismo rural na Ribeira Sacra canceláronse a metade das reservas e, segundo a Federación Galega de Turismo Rural, a ocupación en Galicia está por debaixo do 50 %. Mantéñense, sobre todo, nas casas individuais como, por exemplo, nestas cabanas situadas ao carón do encoro de Cachamuíña.
"Nós neste tipo de aloxamento non tivemos ningún tipo de cancelacións, se tivésemos máis cabanas dispoñibles, encheriamos tamén", di o dono das Cabanas Mirador de Cachamuíña.
Os alugueiros completos para estar a familia en burbulla son os máis demandados. Aquí ofrecen tamén a cea de Noitevella con posibilidade de nenú vegano.
Algúns aloxamentos decidiron pechar estes días, e volverán funcionar en xaneiro. Desde a Federación de Turismo Rural aseguran que, malia a pandemia, este 2021 foi un moi bo ano para o turismo rural galego.