A nai de Lucas asegura que a súa parella ocultou a morte do menor e a obrigou a trasladar o corpo á praia
A nai de Lucas asegura que a súa parella ocultou a morte do menor e a obrigou a trasladar o corpo á praia
Segundo a ampliación da autopsia, o pequeno morreu a causa dun traumatismo violento no abdome
A muller, en estado de xestación avanzado, pediu declarar na vista sobre a súa situación de prisión provisoria
A nai de Lucas, o neno de catro anos falecido de forma violenta en Garrucha (Almería), asegurou ante a xuíza instrutora que a súa parella sentimental ocultou a morte do menor, ameazouna cun coitelo, deixouna encerrada e obrigouna a trasladar o cadáver ata a praia para fabricar unha coartada.
Nunha extensa declaración xudicial á que tivo acceso EFE, Bárbara Ysmar B.O. relatou que o pasado 3 de decembro marchou traballar a un quiosco sobre as 10:00 horas, deixando ao neno na casa ao coidado da súa actual parella, Juan David R.C., crendo que o pequeno padecía simples cólicos e gases.
A muller sostén que regresou ao seu domicilio arredor das 13:00 horas coa intención de prepararlle unha infusión de camomila. Ao chegar, atopou ao menor deitado na cama, mirando cara á parede, mentres o investigado estaba no baño. "Díxome que o tiña deitado porque tiña sono e que non o despertara", sinala a declaración. Non obstante, ao achegarse, comprobou que o neno non reaccionaba e estaba morto.
Segundo o seu testemuño, ao intentar pedir axuda e chamar a unha ambulancia, a súa parella reaccionou con violencia, arrebatoulle o teléfono móbil, empurroua contra a cama e chamouna "tola", insistindo en que o menor só estaba durmido. O home practicou manobras de reanimación ao menor antes de ameazala empuñando un gran coitelo e deixala encerrada na habitación.
O relato de Bárbara Ysmar B.O. describe un posterior secuestro forzoso cara á costa. O investigado ordenoulle coller ao neno para "ir camiñar á praia". Segundo dixo, foi el mesmo quen arropou o cadáver, cargouno nos brazos e obrigouna a acompañalo baixo a ameaza da arma branca, da que se tería desfeito tirándoa a un colector durante o traxecto a pé.
Unha vez na praia, Juan David R.C obrigoua a gravar unha mensaxe de voz para o avó do neno. Posteriormente, el mesmo tomou o control do teléfono para enviar mensaxes ao pai da investigada finxindo que ela desaparecera.
Despois, segundo o testemuño da muller, rouboulle o terminal e marchou, deixándoa paralizada e soa xunto ao corpo do seu fillo. A nai asegura que se desmaiou no búnker que hai na praia por unha taquicardia e que, ao espertar de noite, camiñou ata un establecemento para pedir axuda e acudir á Garda Civil.
Segundo o informe forense sobre a morte do menor, coñecido este mércores, Lucas faleceu a causa dun shock hemorráxico provocado por un "traumatismo abdominal violento".
A muller, en estado de xestación avanzado, chegou en ambulancia á sede xudicial e regresou no mesmo vehículo ao cárcere onde agarda a decisión da xuíza sobre as medidas cautelares.