Publicador de contidos

Publicador de contidos

A moza que se precipitou dende a muralla evoluciona ben

A moza que se precipitou dende a muralla evoluciona ben

A policía agarda que poida declarar pronto para aclarar se a empurraron para matala

O sospeitoso está en liberdade con cargos pero declárase inocente

A muller recupérase dunha caída dende 12 metros de altura
G24.gal 05/11/2021 20:33

A moza que se precipitou dende a muralla de Lugo segue en coidados intensivos e evoluciona favorablemente. Pero polo de agora non puido declarar ante a policía.

"A vítima atópase estable, evoluciona favorablemente. Ata que os médicos dean a súa autorización non se lle tomará declaración", dixo o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

O seu testemuño será fundamental para aclarar como acabou caendo dende unha altura de 12 metros. As informacións que a policía atopou no móbil da vítima e o relato dalgunhas testemuñas apuntan a que ela e un mozo estiveran antes tomando unhas copas xuntos e acabaron discutindo. 

"Parece ser que na noite do domingo estaban discutindo e o detido empurra a vítima, que se precipita dende unha altura de 12 metros. A policía comeza aí a investigación, toma as declaracións, onte detivo o autor e púxoo a disposición xudicial. Agora atópase en liberdade", engadiu o Delegado do Goberno.

Os axentes detiveron este mozo como sospeitoso de empurrala dende a muralla e logo fuxir sen prestarlle axuda. E o xuíz que o interrogou deixouno en liberdade con cargos de lesións graves e omisión do deber de socorro. Se nalgún momento se confirmara que a razón do suposto ataque foi a súa condición sexual, o home podería ser acusado ademais dun delito de odio.

Pero o mozo defende a súa inocencia. Di que estivo coa rapaza de festa, pero que se separaron na zona de copas.

Os feitos ocorreron na madrugada do domingo. Un home que paseaba pola muralla ás 7 da mañá oíu berros de auxilio, viu o corpo da rapaza e alertou os servizos de emerxencia.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade