A molestias reumáticas están á orde do día con tanta chuvia
A humidade e a presión atmosférica afectan as articulacións
Está chovendo moito, e xa ben saberán moitos que ás articulacións non lles vai moi ben a humidade. Entenderán pois que con este panorama a metade dos galegos anden queixándose dos ósos. Nesta época e coa que está a caer non é de estrañar que medren as consultas de reumatoloxía.
Así o confirma o reumatólogo do HULA Carlos García Porrúa. "Na articulación temos unha teíña que se chama cartilaxe que ten pouca capacidade de rexenerarse fronte á humidade e ao frío. Nestas circunstancias faise máis ríxida e irritable, o que fai que nos doa e que nos bloquee a articulación".
Problemas que se van agudizando coa madurez. "Coa humidade, canto máis vella, peor; se fose nova, estaría mellor", opina unha paciente.
Para calmar os síntomas: calor, exercicio para tonificar a musculatura e medicación se non queda outra. Que afecta o corpo está claro, o que xa non é tan certo é que as molestias articulares sirvan para predicir os cambios de tempo.
Carlos García Porrúa di que nas consultas ven casos así, pero que non se puido de momento demostrar cientificamente.