Publicador de contidos

Publicador de contidos

A moda de tomar creatina, a exame

A moda de tomar creatina, a exame

 A creatina é cada vez máis consumida, sobre todo entre a mocidade, que a toma para mellorar o rendemento nos exercicios de forza

Farmacéuticos, especialistas en nutrición e mesmo preparadores físicos coinciden en subliñar que tomala nas doses adecuadas pode ter beneficios, pero hai que coñecer as contraindicacións

G24.gal 03/10/2025 14:28

Fórono antes a melatonina ou o magnesio. E hoxe a creatina é o suplemento de moda. Consómese cada vez máis porque mellora o rendemento, favorece a recuperación muscular e reduce a fatiga. Pero non se debe tomar nunca superando a dose recomendada. E nunca sen beber polo menos dous litros de auga. O Colexio de Farmacéuticos da Coruña advirte unha vez máis sobre os riscos da sobresuplementación.

"Atopamos pastilleiros que son case coma os dos avós en xente nova, que toman moitos suplementos á vez. E debe haber unha orde", dixo Blanca González Herrero, farmacéutica e nutricinionista.

A creatina haina xa en supermercados e ata en tendas de deporte. Pero os preparadores físicos explican que hai que procurar unha que sexa pura, de calidade. 

"Este é o suplemento máis certificado do mercado, por iso convén buscar un cun alto nivel de pureza. Hai algúns que levan tantos edulcorantes e saborizantes que acabas tomando a metade da creatina da que pensas", explicou Carlos Miguel Esteban, preparador físico.

Hai que observar as interaccións con outros suplementos ou medicamentos e saber que a creatina está completamente contraindicada para persoas con dano renal, por iso convén o asesoramento médico ou farmacéutico.

"Hai moitos estudos con alta calidade metodolóxica, que están ben fundamentados e podemos dicir que a creatina é unha boa suplementación, pero hai que ver as necesidades de cada un, e ver que o primeiro é unha boa alimentación, unha rutina de exercicio fisico e durmir ben", subliñou Blanca González Herrero, farmacéutica e nutricinionista.

Coñecer ben o noso estado de saúde previo é imprescindible antes de inxerir ningún tipo de produto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade