A Xunta e o Goberno negociaciarán ante as discrepancias sobre a lei galega do deporte
O Executivo central ve unha posible invasión de competencias na habilitación á Xunta a comparecer en casos de violencia no deporte
O Diario Oficial de Galicia (DOG) e Boletín oficial do Estado (BOE) publican este mércores a resolución que acredita que Xunta e Goberno central iniciarán negociacións ante as discrepancias estatais pola reforma da lei do deporte galega.
Do conflito impulsado polo Goberno xa informara no seu día o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, quen explicou que o Executivo central poñía problemas na habilitación para que a Administración autonómica poida comparecer en procesos xudiciais por casos de violencia no deporte.
De feito, o principal cambio introducido nesta modificación lexislativa é a relativa á posibilidade de que a Xunta sexa parte en casos xudiciais relacionados con episodios de violencia no deporte. Tamén incorporou, en todo caso, protocolos de bo goberno nas federacións deportivas, sobre as que limitou a duración dos mandatos por parte dun mesmo presidente.
En relación ao foco de conflito, a Xunta defendeu xa en varias ocasións que a posibilidade de ser parte en casos xudiciais tamén se contempla na Lei de Prevención e Tratamento contra a Violencia de Xénero e que naquel caso non foi recorrida.
Así, este mércores os boletíns publican o acordo da comisión bilateral de cooperación entre o Estado e a Xunta que determina que se iniciarán negociacións para resolver estas discrepancias e designar un grupo de traballo para propoñerlle a este órgano a solución que proceda.
A resolución que subscriben tanto Calvo como o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, tamén determina que, como é preceptivo, se comunique este acordo de negociación ao Tribunal Constitucional (TC).